A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno que medidas tomou ante as irregularidades detectadas na empresa Pizarras Veira do Río en dúas canteiras, cuadrículas 5646 As Revas e 5873 Ampliación das Revas e ante os graves prexuízos causados aos veciños e veciñas das parroquias de Lindín e Santa María Maior no concello de Mondoñedo.
Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces recoñeceu as irregularidades da empresa que figuran nas denuncias presentadas pola Plataforma de afectados polas Louseiras e afirmou que foi emitida unha orde para paralizar a actividade, orde que a empresa, recalcou, non cumpriu polo que hoxe mesmo foi trasladada outra orde a través, esta vez da autoridade pertinente e se procederá ao precinto da mesma.
A deputada do BNG explicou que actualmente a canteira 5873 non ten actividade mais a das Revas, cuadrícula 5646 continúa funcionando a pesar de ser declarada ineficaz polo Concello de Mondoñedo. A maiores, dixo a nacionalista, a empresa non contaba coa documentación requirida nin estaban en regra os “informes sectoriais e autorizacións esixidos pola Lei de Solo de Galiza, de 2016”.
A nacionalista asegurou que existen denuncias do SEPRONA e da Garda Civil por ruídos e mesmo os servizos técnicos municipais comprobaron a destrución de viais públicos sen que o Goberno local iniciara algún tipo de expediente ou reclamación.
Olalla Rodil saudou a decisión da consellería de Industria de paralizar a actividade da canteira e o seu inmediato precinto e reclamou que a “Xunta vele polos dereitos dos traballadores” que levan tres meses sen cobrar os salarios e dúas pagas extra.