A ILP sobre xestión alternativa de residuos en Galiza chega a Eurocámara

O BNG apoia a proposta impulsada polos colectivos promotores da Iniciativa lexislativa popular para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe, de presentar ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo unha denuncia contra o modelo de xestión de residuos da Xunta por incumprimento da normativa comunitaria nesta materia.

Responsables das asociacións ecoloxistas Adega, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega e Plataforma  Galega contra a Incineración salientarion que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020 incumpre as directivas  2008/98/CE sobre residuos, a 2004/12/CE relativa aos envases e residuos de envases e a directiva 1999/31/CE relativa ao verquido de residuos, segundo explicaron en rolda de prensa conxunta coa eurodeputada Ana Miranda.

"En esencia, o modelo de xestión de residuos do PP resúmese en dúas propostas: queimar en Sogama todo o posible e o resto acumulalo no vertodoiro de Areosa, contradicindo a normativa da UE que provome a reciclaxe, a reutilización e a reducción, e deixa a incineración como último recurso", salientou Miranda.

A eurodeputada salientou que o papel do BNG no Parlamento Europeo será "dar apoio total" a esta iniciativa cidadán para que estes colectivos podan explicar directamente ante a Comisión de Peticións da Eurocámara as propostas que formulaban na ILP e que contaban con amplio apoio social.

"Darlles a oportunidade que non tiveron no Parlamento galego, onde o PP impediu que fose admitida a trámite a ILP pese a contar co respaldo de 15.000 sinaturas. Se o Goberno galego non quere escoitar as propostas dos cidadáns en materia de xestión de residuos, o BNG apoirá a estes cidadáns para que podan explicar esas propostas ante o Parlamento Europeo", argumentou Miranda.

A Comisión de Peticións é a que atende as demandas e reclamacións da cidadanía europea, que pode presentar unha denuncia se consideran que se vulnera normativa comunitaria e, polo tanto, reclamar a actución do Parlamento Europeo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG