O deputado ourensán, Iago Tabarés formulou unha pregunta parlamentaria ao goberno ante o “incumprimento das promesas e compromisos electorais” do Partido popular sobre o complexo acuático de Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar, ao que sumou outros anuncios, que tras oito anos continúan sen “ anteproxecto, proxecto, concurso de ideas ou rascuño algún sobre o comprometido”.
O nacionalista, explicou que o 7 de setembro de 2016, na campaña das eleccións autonómicas do 25 de setembro, o candidato á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo nun acto celebrado no parque de Montealegre en Ourense comprometeu para a lexislatura (2016-2020): a construción dun grande hotel balneario na cidade, converter o complexo de Monterrei nun grande parque acuático, poñer en marcha o transporte metropolitano en 8 concellos incluída a capital, construír un centro para persoas con discapacidade e unha nova residencia de maiores con 80 prazas, pero despois de “dúas lexislaturas, apenas hai nada”, denunciou o deputado.
“Nada hai sobre o balneario, nada hai sobre o transporte metropolitano, nada da residencia de maiores (que xa costou ás ourensáns máis de 400.000 €), nin do parque acuático”.
No mes de outubro do ano 2020, engadiu o nacionalista, tamén foi anunciada a licitación do parque acuático indicando que sería executado por fases e en catro zonas e cunha previsión de remate no ano 2023 pero na actualidade, “non está remata nin a primeira fase e descoñecemos cal será a execución do resto”.
En marzo de 2021 o presidente da Xunta manifesta que aínda non existe proxecto algún sobre o parque acuático e en setembro adxudicase a construción da 1º fase por un importe de 4,7 M€ cun prazo de execución de 8 meses, para que a cidadanía dispuxera do espazo acuático no verán do 2022. Sete meses despois da adxudicación, a empresa adxudicataria decide abandonar a obra polo que o deputado preguntou ao secretario Xeral para o deporte, José Ramón Lete cando foi informada a Xunta da paralización das obras? e porque tardou tanto na resolución do contrato.Ademais tamén preguntou se foi iniciado algún procedemento de penalidades polas prexuízos causados.
O nacionalista cuestionou que a Xunta se negara á modificación do prezo proposta pola adxudicataria (de 5,8 M€), ofrecendo 4,8 pero poucos meses despois convocou nova licitación ascendendo o orzamento do contrato a 5,7 M€
No mes de marzo de 2023 a Xunta reafirma a súa previsión de abrir no verán só as piscinas e os tobogáns e a pesar de que o novo contrato incluía o remate da totalidade da obra, tampouco a cidadanía de Ourense tivo oportunidade de utilizar todas as instalacións agás algúns vasos.
Cando esta prevista a licitación e remate das fases posteriores? Con que orzamento e cronograma? volveu a preguntar Tabarés.
Tras a resposta do secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o parlamentario do BNG reiterou as súas criticas “da nefasta xestión do goberno e o seu desleixo coa cidadanía de Ourense” ao que agregou o “derroche de recursos públicos, o incumprimento do comprometido e a privación, durante dous veráns do uso das instalacións para a cidadanía de Ourense e a súa comarca”.
O deputado afirmou que tras visitar as obras en diferentes ocasións, “a primeira fase do proxecto non está concluída” e puxo en dúbida que os traballadores conten con todas as medidas de seguridade e co plan de prevención de riscos laborais.