O fondo de pesca europeo debe financiar un plan específico para a frota de baixura e o marisqueo

Ana Miranda, portavoz BNG en Bruxelas

O BNG lamenta que o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, aprobado polo Parlamento Europeo, non inclúa un plan específico de finanzamento para a pesca artesanal e o marisqueo como reclamaba o BNG, pero seguirá a demandar, agora ao Goberno central, que reserve fondos para este segmento de frota con cargo aos recursos que reciba o Estado español do futuro FEMP.

Ana Miranda 1

“Para o BNG, a prioridade é que o FEMP contribúa a fortalecer a actividade pesqueira en termos de emprego e de protección dos recursos, polo tanto, ao mantemento e á creación de novos empregos”, explicou desde Bruxelas a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda.

Durante o proceso de tramitación, Miranda presentou 75 enmendas para reforzar o aspecto social e xerador de emprego e unha definición para a pesca artesanal que ate agora non existían nos regulamentos comunitarios.

Asimesmo, o BNG reclamou apoio económico para os traballadores afectados en caso dunha paralización temporal da frota por circunstancias excepcionais, como desastres accidentais –caso de mareas negras- e causas biolóxicas –toxinas-, por incidencias medioambientais-temporais e desastres climatolóxicos- ou debido a procesos de renegociación de acordos pesqueiros con terceiros países, como é o caso actual da frota cefalopodeira en Mauritania. Esta enmenda foi aprobada.

Igualmente, a formación nacionalista apoiou que este fondo financie aquelas medidas de modernización das embarcacións que impliquen unha maior seguridade para os tripulantes e a construción de novos buques axuliares destinados ás actividades de acuicultura extensiva, como o caso das embarcación auxiliares no sector mexilleiro, posto que se trata de embarcacións recolectoras pero non extractivas e, polo tanto, sen ningunha repercusión nos límites de capturas.

Foron tamén aprobadas as emendas do BNG que reclamaban que o FEMP  contribúa na comercialización directa dos productos da pesca por parte dos mariñeiros adicados á pesca artesanal, ao marisqueo e ao cultivo do mexillón e ao  sector de transformación en xeral.

O BNG valora que prosperase a súa proposta de diferenciar entre acuicultura industrial e tradicional, fronte ao temor de que a maior parte dos recursos deste fondo europeo sexa destinado a subvencionar grandes plantas de acuicultura industrial, “que apenas xeran emprego e que, por contra, teñen un importante impacto medioambiental e poden chegar a influír negativamente na actividade pesqueira artesanal”, explicou Miranda.

Tamén valora moi positivo que fora aceitada a inclusión do marisqueo, para definir a actividade de extracción, cultivo ou semiculturo, a pé ou a flote.

A nacionalista reclamou que ante eventuais procesos de reconversión, o fondo permita sufragar a recolocación dos traballadores do mar dentro do propio sector, para evitar que se reciban fondos que sirvan de excusa para eliminar as actividades pesqueiras.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG