Fomento descarta o traspaso da xestión dos aeroportos galegos e sitúa a Barajas como o eixe central

A Secretaria Xeral de Transporte, Carmen Librero, opúxose á demanda da deputada do BNG, Rosana Pérez, de transferir a xestión dos aeroportos galegos á Xunta para mellorar a súa eficacia, programar e coordenar as rutas desde Lavacolla, Peinador e Alvedro.

A representante de Fomento foi a encargada de respostar á interpelación realizada pola deputada do BNG sobre a posibilidade de que o Goberno estea traballando para privatizar AENA e sobre a necesidade de mellorar o tráfico dos aeroportos galegos abordando o traspaso da súa xestión.

Carmen Librero afirmou que “non ten sentido traspasar ás CC.AA a xestión aeroportuaria”, defendeu a existencia “dun todo mellor que as partes” e incluso deixou claro que existen aeroportos consolidades e consolidadores, e que o aeroporto de Madrid-Barajas é o aeroporto consolidado que “o resto temos que alimentar”.

Deste xeito, a Secretaria Xeral de Transporte defendeu un modelo centralista, con aeroportos radiais que deben alimentar ao “consolidado” que é Madrid. Un modelo que a deputada do BNG criticou porque está a prexudicar seriamente a Galiza. “Galiza conta con tres aeroportos que de maneira sistemática perden pasaxeiros desde os últimos anos, sen que as distintas administracións tomen medidas”.

Enfatizou Rosana Pérez que moi perto “está o aeroporto de Sá Carneiro, en Porto, que incrementa o número de pasaxeiros a medida que os perde Galiza”. Desde logo, amosou o “total rexeitamento do BNG” á privatización de AENA porque empioraría a situación, e explicou que a mellora da eficacia dos tres aeroportos galegos pasa porque Galiza os xestione a fin de estabelecer as rutas, facer unha programación coordinada e que atenda ás necesidades sociais e económicas dos galegos e das galegas”.

“É innecesario, incómodo e moi caro que os galegos e as galegas teñan que pasar por Madrid para calquera conexión peninsular ou con outras partes do mundo”.

En relación ao informe encargado polo Goberno para a posíbel privatización de AENA, Rosana Pérez dixo que os problemas de AENA non “están no feito de que sexa un ente público. A súa privatización sería un grande erro porque os aeroportos son infraestructuras básicas para a economía, non son instalacións calquera. Unha xestión privada só se move por rendabilidade económica”.

A deputada do BNG reprochou a Fomento que “estea abordando esta cuestión con oscurantismo, sen información e sen debate previo cando se trata do principal xestor aeroportuario. Non nos sorprende a ansia privatizadora do PP, pero si é alarmante que se procure a privatización de AENA”.

RESPOSTA DE FOMENTO

A Secretaria Xeral de Transporte deu unha resposta ambigua dando a entender que se está a estudar o tema, pero que “independentemente do modelo, a supervisión e a regulación depende da Axencia Estatal aérea”.

En canto á perda de tráfico aéreo dos aeroportos galegos, Carmen Librero limitouse a sinalar que o transporte aéreo depende da oferta e da demanda. Indicou que os tres aeroportos galegos “deben plantexarse desde a perspectiva dun todo e non competir entre eles”, máis unha vez dito isto, que básicamente consiste en recoñecer que precisan de coordenación, negou o traspaso da xestión.

A solución de Fomento consiste en montar Comités de Coordinación aeroportuarios en colaboración coas CC.AA, cámaras de comercio, organizacións sindicais e concellos, para facer Plans estratéxicos. Anunciou que Fomento está a elaborar un Real Decreto de Comités de Coordenación e que en vindeiras semanas se constituirá o relativo aos aeroportos galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG