O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento na que reclama á Xunta unha ambulancia medicalizada para a comarca do Deza, e atenda así unha vella demanda tanto da veciñanza como dos e das profesionais, que sigue pendente.
A formación nacionalista considera este equipamento máis urxente que nunca despois do tráxico incidente ocorrido fai dez días no concello de Dozón, onde unha persoa faleceu tras 45 minutos esperando por unha ambulancia.
Neste sentido, o Bloque considera deliberadamente enganosas as explicacións dadas polo presidente da Xunta na sesión de control, en resposta a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciando unha suposta terceira ambulancia para Lalín, cando en realidade se trata dun “vehículo de apoio” ofertado pola empresa adxudicataria como mellora, que nin sequera ten dispoñibilidade a tempo completo.
Nada que ver nin cunha ambulancia convencional, nin menos aínda cunha ambulancia medicalizada.
En abril, a Xunta, a través do 061 sacou a licitación a renovación do servizo de transporte sanitario urxente por estrada, distribuído en 14 lotes correspondentes a outras tantas áreas sanitarias. No lote nº 12 correspondente a Santiago de Compostela-Lalín incluíanse a contratación de dúas ambulancias non medicalizadas, con sede na Estrada e Lalín.
O prego de contratación incluía cláusulas que puntúan ás empresas que aporten melloras técnicas, como os chamados “vehículos de apoio”, un aspecto común a todos os lotes licitados, polo tanto, en ningún caso está pensado para cubrir a carencia da terceira ambulancia que reclaman no Deza.
Eses vehículos nada teñen a ver cunha ambulancia medicalizada, moitas veces nin sequera cunha ambulancia convencional, non dispón de persoal propio, úsanse sobre todo para actividades programadas e, no caso do lote nº12, a dispoñibilidade deses vehículos de apoio que oferta a empresa adxudicataria é do 70%.
Polo tanto, o BNG considera que o presidente da Xunta deu unha explicación falsa pretendendo pasar por terceira ambulancia un vehículo de apoio produto dunha mellora da empresa cunha dispoñibilidade, como figura na adxudicación, do 70%.
A formación nacionalista critica que Feixóo faltase á verdade nun asunto de tanta gravidade e volverá a defender no Parlamento que a comarca do Deza conte cunha ambulancia medicalizada que se sume as dúas ambulancias de servizo básico que ten neste momento e que, veciñanza e profesionais, consideran insuficiente. Neste sentido, xa ten rexistrada unha proposición non de lei para debater en pleno.
DESCARGAS: