A senadora do BNG demanda ao Ministro de Transportes que habilite un Plan de Incidencias e de transporte alternativo para evitar que os usuarios e usuarias do tren padezan horas de espera en vías, en trens abarrotados ou en estacións como esta a acontecer este mes de agosto cos retraso de servizos Vigo-Madrid ou Madrid-Ferrol por mencionar os máis recentes que afectaron a trens galegos.
O Ministro de Transportes que compareceu hoxe no Senado admitiu que no caso de Galiza ao problema do cambiador de ancho de vía en Taboadela, únese o problema das múltiples deficiencias que teñen os trens Avril, ademáis das obras na estación madrileña de Chamartin de ampliación da praia de vías.
“Dado que o Ministro dixo que durante un tempo as incidencias van continuar e pediu paciencia, o que lle exiximos é que canto antes dispoña dun Plan de Incidencias e de Transporte alternativo que priorice a atención aos viaxeiros e viaxeiras para que non sufran durante horas as consecuencias como estamos a ver. Un Plan que implique a posta en marcha automática dun protocolo que facilite os traslados noutros medios e a atención áxil para aminorar as molestias”, afirmou Carme Da Silva. Se os problemas procedentes de Chamartin, das deficiencias dos trens Avril e do cambiador de Taboadela van seguir a causar incidencias, “queremos solución e medidas para rebaixar as consecuencias”.
Para o próximo curso: Garanta a puntualidade no Eixo Atlántico, media distancia e Avant
A senadora do BNG exixe a Puente que “asegure a óptima operatividade dos trens do Eixo Atlántico ferroviario, de media distancia e Avant na Galiza para que non se repita o sucedido no curso pasado cun setembro cheo de retrasos e avarías. Impórtanos e preocúpanos que garanta a mobilidade diaria dos galegos e das galegas e que asegure a puntualidade dos trens do Eixo Atlántico. Unha puntualidade que para nós está ligada ao incremento das frecuencias. Unha cousa vai da man da outra”.
No que atinxe aos servizos de longo percorrido á Meseta, Carme Da Silva defende que se axilicen as medidas contra Talgo porque ficou “claro que o material rodante, a serie 106, ten moitas deficiencias e así o recoñeceu o Ministro. Deben inspeccionarse de arriba a abaixo para garantir que fagan ben as manobras de cambio de vía en Taboadela e para acabar coas constantes avarías”. Moitas das avarías como a de onte no tren Vigo-Madrid ou o de antonte Madrid-Ferrol están a producirse no cambiador de Taboadela. A rede interior de Galiza é de ancho ibérico. En Taboadela os trens cambian de ancho de vía ( na meseta é de ancho internacional) e os trens Avril multiplicaron os problemas polas súas deficienciase que causan problemas nas manobras de cambio.
Axilicen as medidas contra Talgo
O Ministro admitiu que a “orixe está indentificada”, recoñecendo que dos 22 trens Avril, houbo que inmovilizar 11 trens en taller, e recoñeceu que está en cuestión a súa fiabiliade. “Este problema está identificado, daquela actúe rápido contra Talgo”, indica Carme Da Sila.
BNG critica o modelo ferroviario radial que “é un dos principais problemas do sistema de transporte no estado español. Centralista e todo pasa por Madrid, co cal se hai obras en Chamartín e cae a catenaria, os trens Madrid-Vigo ou Madrid-Ourense páranse”. Nese sentido, demanda traballar por un modelo en malla. Ademáis, subliñou a necesidade de axilizar o Corredor Atlántico.
Da Silva tamén salienta que “aínda que a comparecencia versou só sobre os trens AVE, o principal problema de Galiza é a falla de servizos de Cercanías. O noso obxectivo e así o incluimos nos Acordos de Investidura, é cohesionar Galiza de norte a sul e de oeste a este por ferrocarril e que os galegos e galegas podan ir en tren ao traballo. O Ministro adiantou que vai mercar material para as cercanías e dixo que tamén “será para o servizo de cercanías de Galiza que se está a planificar”, e que se corresponde aos pactos co BNG”.