Ana Miranda: “Denunciarei na primeira Comisión de Pesca da Eurocámara a discriminación das mariscadoras galegas”

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG critica que o goberno galego do PP

non empregue os fondos europeos dispoñibles

Na primeira Comisión de Pesca da lexislatura do Parlamento Europeo, que terá lugar a vindeira semana en Bruxelas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciará a discriminación que sofren as mariscadoras na convocatoria das “Axudas autonómicas para a paralización temporal das persoas mariscadoras a pé”.

A discriminación a respecto destas axudas vén dada porque a condición de persoa beneficiaria será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cese de actividade de traballadores e traballadoras autónomos e co resto das prestacións económicas do sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo da persoa beneficiaria, coa excepción das prestacións por incapacidade temporal, por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactancia, en cuxo caso se descontará este período do dereito a percibir a axuda.

“Como eurodeputada galega na Comisión de Pesca defenderei as nosas mariscadoras”, subliñou Ana Miranda, quen asegurou que non podemos permitir que este sector continúe sendo discriminado. No BNG temos moi claro a quen defender, aos nosos sectores produtivos, fronte os proxectos que promove o PP, como a macrocelulosa como Altri, que tería unhas consecuencias nefastas no noso sector marisqueiro”, explica Ana Miranda, quen lembra a perda de produtividade do sector “sen que o PP tome ningunha medida para remedialo”

Fondos europeos

A eurodeputada galega lembra por outro lado que existen fondos europeos para cubrir os seguros en tempos de falta de produtividade e en tempo de crise. Neste sentido, subliña que o Bloque propón un plan de recuperación integral das rías galegas -cunha planificación plurianual, co-financiado pola Xunta, Goberno do Estado e fondos europeos-; a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros e a transferencia a Galiza da xestión do litoral, das funcións e dos servizos en materia de xestión e ordenación do noso mar e da nosa costa.

“Non pode ser que se estean perdendo axudas europeas porque a Xunta, co goberno do PP, non estea usando os fondos que existen para que poidan ter uns salarios dignos e poidan vivir do seu traballo”, conclúe a eurodeputada do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG