A Executiva Nacional do BNG transmite o seu apoio ao presidente do Brasil Luiz Inácio Lula da Silva, ao Goberno do Brasil, ao pobo brasileiro, e aos movementos sociais, diante do golpe cometido onte contra os tres poderes en Brasilia por manifestantes bolsonaristas que entraron pola forza no Congreso, no Palacio presidencial do Planalto e no Supremo Tribunal Federal da capital brasileira, ameazando a democracia e o Goberno electo polo pobo brasileiro.
O BNG condena estes actos violentos e denuncia este golpe antidemocrático da ultradereita, que atenta contra a lexitimidade da vontade democrática que elixiu o Presidente Lula no Brasil e valora positivamente as medidas tomadas onte polo Goberno para conter os disturbios e apresar os criminais, provocados por seguidores de Bolsonaro que levaban días acampados facendo presión e con apoio de parte das forzas armadas.
O Bloque considera que estas forzas reaccionarias da ultradereita brasileira que non aceptan o resultado electoral e acosan as institucións democráticas, están coordinadas a nivel mundial e manifesta a súa profunda preocupación por este atentado do bolsonarismo á paz e á democracia no Brasil que até agora actuou impunemente.
A Executiva Nacional transmite a súa profunda solidariedade co pobo brasileiro e co presidente Lula diante da ofensiva golpista coa convicción de que o fascismo bolsonarista non vai destruír a democracia brasileira.