A Executiva nacional do BNG ratifica por unanimidade a candidatura ás europeas con Bildu

A Executiva nacional do BNG confirmou hoxe a militancia a decisión de manter a coalición ás eleccións europeos con EH-Bildu como socio preferente e seguir adiante coa folla de ruta marcada polas propias bases de organización, que nas pasadas semanas ratificaron esta opción por ampla maioría nas asembleas comarcais.

O acordo adoptado pola CUP de non concorrer aos comicios do 25 de maio, -acordo polo que o BNG manifesta o máximo respecto-, supuxo un cambio sobre a alternativa electoral ratificada pola militancia e, por tanto, motivou unha reavaliación das opcións por parte da dirección nacionalista, que concluíu coa decisión de confirmar a candidatura xa aprobada polo Consello Nacional e polas bases nun proceso de participación democrática.

A decisión foi adoptada por unanimidade da Executiva nacional ao entender que a coalición con EH-Bildu seguía a ser a mellor opción para garantir unha representación dos intereses de Galiza na Eurocámara, tendo en conta que ERC, -o outro socio preferente posible-, optou por conformar unha candidatura ás eleccións europeas pensada para afrontar o proceso independentista de Catalunya, opción que o BNG tamén entende e respecta.

Desde agora, a prioridade do BNG é traballar para incorporar a unha maioría social, en particular aos momentos sociais máis activos e reinvindicativos na defensa do País, co dobre obxectivo de que Galiza conte cunha representación forte en Bruxelas, en defensa dos seus intereses, e para axudar a construír outro modelo de Europa social e dos pobos.

Neste sentido, o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico en función exclusiva dos intereses de Galiza, nunha “candidatura da cidadanía” encabezada por Ana Miranda, que conta cunha ampla representación dos colectivos e movementos sociais e dos sectores produtivos máis afectados polas decisións da Troika.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG