O espolio de NGB pode ser dobre: do aforro galego e da colección de arte máis importante do país

O desmantelamento do sistema financeiro galego afecta tamén á colección de arte das extintas caixas, de tal xeito que podemos asistir a un dobre espolio: o do aforro galego e o espolio do patrimonio artístico dunha das mellores coleccións de arte do país procedente da desaparecida Caixa Galicia, agora en mans de NGB, cando esta entidade sexa liquidada polo FROB co silencio cómplice da Xunta.

Rdp 1

A portavoz de Cultura do BNG na Cámara galega, Ana Pontón, deu a voz de alarma ao tempo que formula unha proposta para o seu debate no Parlamento.

“O Goberno de Feijóo ten que actuar para evitar o espolio do noso patrimonio, ten que dirixirse ao Estado para evitar que esa colección se venda como un activo financeiro máis de NGB. Para iso propoñemos que o FROB, actual propietario da entidade e por tanto dese patrimonio, doe á Xunta a colección”, propuxo Pontón.

A deputada nacionalista advertiu que “pode darse o esperpento de ter que destinar cartos públicos para recuperar unhas obras de arte que xa son nosas porque foron pagadas cos aforros dos galegos e galegas a través da obra social das antigas caixas”. A declaración de BIC, nos termos actuais, non é suficiente para impedir a venda da colección artística

Neste sentido, Pontón explicou que esta situación é posible porque a Xunta, deliberadamente, impulsou dúas declaracións de BIC diferentes para as coleccións de arte das fenecidas Caixa Vigo e Caixa Galicia, en lugar de optar por dar unidade á colección nun único expediente BIC, tal e como pedía a iniciativa popular impulsada pola Federación Galiza Cultura.

Co agravante de que a colección de Caixa Galicia non quedou adscrita á Fundación da entidade, como no caso de Caixa Vigo, senón directamente a NGB, como un activo financeiro máis que pode ser vendido ao mellor postor.

“Non foi unha decisión inocente por parte do Goberno de Feijóo, senón que busca facilitar a venda deste patrimonio como un activo máis do banco”, recalcou.

“A Xunta debe rectificar ese expediente e unificar os fondos artísticos de ambas entidades nunha única colección, garantir a súa permanencia no país e a súa exposición pública, posta en valor e difusión para coñecemento de todos os galegos e galegas e das persoas interesadas en gozar deste patrimonio que xa pertence a Galiza”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG