En responsta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Montse Prado, Sanchez Izquierdo recoñece a omisión de información nos TXs da TVG da manifestación de Monforte e responabiliza a un profesional do acontecido
Montse Prado criticou a excesiva presenza do PP e Goberno galego nos informativos da RTVG mentres son silenciados, de maneira sistemática, os grupos da oposición
No transcurso da comisión de control da CRTVG, a deputada nacionalista Montse Prado formulou dúas preguntas parlamentarias sobre: a omisión da valoración dos grupos da oposición nos informativos da TVG os días 3 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro en relación aos datos do desemprego e a contratación de Isabel Pantoja no programa Luar, incursa nun proceso de lavado de cartos e fraude a Facenda.
Os informativos da TVG non deron conta da manifestación de Monforte en defensa da Sanidade Pública
No transcurso da pregunta sobre a emisión dos datos do paro dos grupos parlamentarios, Montse Prado criticou que a RTVG de maneira sistemática non emita as comparecencias e propostas da oposición sobre políticas de emprego ás que sumou, o decreto do plurilinguismo, os comedores escolares ou das participacións preferentes.
Neste sentido, engadiu que deciden vostedes o que queren trasladar sobre a nosa actividade política silenciando o que non lle interesa ao Partido popular como aconteceu o pasado día 19 en Monforte.
A manifestación de Monforte, dixo, congregou a 9.000 persoas que defendían as áreas sanitarias da Mariña e Monforte contra a decisión da Xunta de centralizar estes servizos en Lugo. A través da Área de Xestión Integrada e sobre todo , engadiu, defendían a Sanidade pública, na TVG non apareceu ningunha imaxe nin información desta multitudinaria manifestación en ningún dos telexornais.
Sánchez Izquierdo recoñece o silenciamento da manifestación
Pola súa parte, o director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo recoñeceu o feito e asegurou que foi produto da descoordinación e falta de dilixencia dalgún profesional. O director do ente afirmou que porá en marcha as medidas necesarias para que non se volve a repetir.
Para a deputada do BNG, o director da Compañía de RTVG non se responsabiliza dun feito que cualificou de caso sangrante e falta de respecto aos lugueses e luguesas que pagan este medio público.
A parlamentaria lamentou que a omisión de información na TVG sempre coincida coas protestas da cidadanía e traballo político dos grupos parlamentarios, vostedes, dixo, informan dos incidentes dos afectados das participacións preferentes pero non informan das consecuencias deste problema, vostedes, seguen facendo fincapé nas valoracións de Feijóo e Rueda e non lle permiten aos afectados desta estafa masiva pronunciarse nun medio que pagamos todos os galegos.
A TVG seguirá contratando a persoas incursas en procesos xudiciais
Para a deputada do BNG, a contratación da tonadillera Isabel Pantoja no Programa Luar, transmite á sociedade a mensaxe de todo vale é da igual se a artista está vinculada á operación Malaia, acusada de branqueo de cartos e fraude a facenda pública, pendente de sentenza ou se ingresa no cárcere por estes delitos.
Prado considerou que resulta unha falta de respecto á cidadanía galega que un medio de titularidade pública contrate con fundos públicos a Isabel Pantoja porque, na súa opinión, a TVG debe transmitir outro tipo de valores baseados na ética. A presenza dunha persoa procesada por defraudar a facenda pública lanza unha mensaxe de impunidade de que aquí non pasa nada.
O director xeral da CRTVG respondeu á deputada que a contratación de Isabel Pantoja ven marcado por un criterio de audiencia e que a TVG seguirá coas contratacións que considere que oportunas.
A parlamentaria lamentou que a loita por unha maior audiencia permita que calquera día podamos ver na tele galega a un maltratador ou persoa procesada por outro calquera delito, concluíu.