En defensa dos dereitos das mulleres

O BNG convoca mañá ás 12:45h, unha concentración diante do Parlamento de Galiza en defensa do dereitos das mulleres, previa ao debate da proposición non de lei, que presentou a organización nacionalista, na que se esixe a necesidade de manter e aplicar a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, por considerar que o rascuño que prepara o Ministerio de Xustiza significa un retroceso de décadas que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido a súa saúde sexual e reprodutiva.

Por outra parte, con esta iniciativa presentada polo BNG, e asinada polas deputadas María do Carme Adán Villamarín, Tereixa Paz Franco, Ana Belén Pontón Mondelo e Montserrat Prado Cores, tamén se pretende que se poñan en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, a fin de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

A proposición non de lei presentadas polas nacionalistas do BNG, demanda tamén que se garanta que a información que reciben ás mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva, eliminando as referencias á "Red Madre" na información que facilite a Xunta de Galiza.

E como último punto desta iniciativa, e non menos importante, o BNG esixe realizar un plan de formación das e dos profesionais da saúde que incorpore a perspectiva de xénero, que atenda especificamente á formación en materia de saúde sexual e reprodutiva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG