Debate Reforma Local: Davila acusa a Montoro de potenciar as deputacións e privatizar servizos

OLAI PREFERENTES 1A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu este mediodía no Pleno o total rexeitamento do BNG ao proxecto de Reforma da Administración Local do PP.

A deputada do BNG puxo de manifesto a auténtica pretensión deste proxecto de lei que é o de ampliar as capacidades de decisión e intervención do Goberno en decisión de ámbito local. “Van recortar de forma substancial as competencias autonómicas para deseñar e aplicar un modelo local propio”, que desde logo, non vai “ter en contra as especificidades dun territorio como o galego, caracterizado pola dispersión e o envellecemento poboacional”.

Davila tildouno de “reforma antidemocrática porque pretende limitar a acción política daqueles concellos que teñen vontade de exerceren a iniciativa pública sexa reforzando os seus servizos públicos, procurando fórmulas alternativas de financiamento ou xestión ou estimulando as actividades económicas locais”.

Consolidan as deputacións provinciais

A portavoz do BNG denunciou que o Goberno do PP “consolide as duplicidades administrativas”, e reforza as entidades máis anacrónicas, en referencia directa ás deputacións provinciais. “Se algo quedou demostrado nestas décadas é a inutilidade das corporacións provinciais á hora de prestar servizos locais, que dificilmente poden ter unha base provincial como agora pretenden”, e aludiu ás augas, residuos, servizos sociais.

Ademais, Davila puxo de releve a outra intencionalidade do proxecto que é a de afondar no proceso privatizador dos servizos públicos, optando pola xestión indirecta destes. Nese sentido, salientou que a estrutura administrativa das deputacións, que teñen escasa organización de servizos prestacionais, incentivará a delegación cara ao sector privado da responsabilidade de organizar e xestionar servizos até agora municipais.

A portavoz do BNG acusou o Goberno de ir en contra de todos e de todo e salientou que se trata dun proxecto criticado de xeito unánime polo mundo local. Sinalou que a reforma preferente para os concellos é o financiamento local, algo que elude o Goberno, “e por riba emprega esta reforma local como cortina de fume para evitar a necesidade de actuar contra o incremento das desigualdades sociais”.

“Non peche a lei e dialogue”

Criticou o Goberno polas formas: “xa que foi un proceso falto de diálogo, de imposición autoritaria dun novo modelo local de distribución competencial que non foi consensuado nin coas CC.AA nin coas entidades municipais”. Davila apelou a Montoro ao diálogo: “vostede rematou o seu discurso amosándose aberto ao diálogo. Desde o BNG dicímoslle que non peche a lei sen chegar ao consenso coas entidades locais e CC.AA. Teña en conta as emendas e alegacións formuladas desde a Federación Galega de Municipios, porque vostede tivo a virtude de pór en contra da lei a alcaldías do PP, do PSOE, do BNG e de todo tipo de formacións”. A portavoz do BNG pediu a devolución ao Goberno desta lei para posibilitar unha reforma radicalmente distinta, tanto na súa tramitación como no contido. Partindo da base do respecto pola autonomía local e as competencias das CC.AA.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG