Davila: "Rajoy non ten nada de que presumir no 2013" e lembra o paro, a probeza social e os recortes

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, realizou hoxe un balanzo do “moi negativo do deste ano de Goberno de Rajoy e a súa equipa”, subliñando que o principal problema que preocupa á poboación do estado e aos galegos e galegas: o paro, segue sen resolverse.

A deputada do BNG afirmou que “foi un ano moi duro para as maiorías sociais que sofriron os efectos dunhas políticas económicas baseadas tan só nos recortes, unhas políticas que tiveron como efecto a redución dos salarios, a perda de poder adquisitivo de pensionistas, e o triste récord de chegar ao 26,7% de porcentaxe de paro, a máis alta da UE, que ten unha especial virulencia na mocidade”.

Davila sinalou que o “Goberno de Rajoy non ten nada de que presumir nun ano no que se liderou o índice de desemprego, no que a taxa de probeza e exclusión social chegou a níveis alarmantes”. Lembrou o informe elaborado por Cáritas, “nada sospeitoso de manipulación, que arroxou cifras desoladoras: 3 millóns de persoas no estado español en situación de probeza severa que malvive con menos de 307 euros ao mes.”. Unha exclusión social e unha marxinalidade social, subliñou Davila, que “está directamente relacionado cos brutais recortes do Goberno do PP”.

O ano da LOMCE, da desaparición de NCG e de máis desigualdade”

A deputada do BNG puxo de manifesto que “os recortes económicos, socio-sanitarios e educativos, xunto co altísimos paro e o esgotamento de axudas, está causando unha grande desigualdade. De feito, apuntou, entre 2012 e 2013 o número de millonario no estado español aumentou nun 13% mentras que a taxa de probeza se sitúa por riba do 28%”.

Un ano no que “o PP elevou o custe da vida mentras os salarios diminuían, os traballos se precarizan até a escravitude, as axudas desaparecen, as bolsas e axudas ao estudo se reducen, a lei de Dependencia está en perigo de extinción, as medicinas empezan a ser un producto de luxo porque até o enfermos crónicos hospitalarios as teñen que pagar”.

Nese sentido lembrou a LOMCE, “tan cuestionada e contestada por toda a comunidade educativa”, a reforma das pensións que “só é para cumprirlle o gusto aos bancos e vender plans de pensións privados”, a última reestructuración das Caixas que supuxo “a morte da Caixa galega, a venda a todo correr de NCG e o expolio do aforro dos galegos e das galegas”.

O “terríbel sinistro do Alvia aínda sen Comisión de Investigación”

Para Galiza “as políticas de Rajoy foron doblemente nefastas. Ademáis dos recortes en todos os eidos, sufrimos a deixación e a indiferenza para co sector naval. O sector naval en Vigo tivo que ocupar as rúas debido á inxusta decisión sobre o Tax Lease, e Navantia está abandoada por un Executivo que non se preocupou de lograr carga de traballo mentras todo Ferrolterra asiste impotente á perda dos seus estaleiros”.

“Foi un ano triste, moi amargo para Galiza, impactada polo tráxico e terríbel accidente do Alvia en Santiago, un sinistro que perdura nas nosas mentes. Un accidente que debe ser investigado até as últimas consecuencias pero que a pesar das reiteradas demandas do BNG e de vítimas do sinistro de Comisións de Investigación parlamentares, o PP négase”. Para Davila “houbo fallos e deficiencias na seguranza, está claro, e hai responsabilidades ao respeito”.

Sen esquecer, sinalou a deputada do BNG “as reaccionarias e regresivas políticas do PP en dereitos fundamentais como o de manifestación ou reunión cunha lei de seguranza cidadá que só pretende acalar a crítica na rúa porque o malestar da cidadanía é cada vez maior. O PP quere amordazar á xente”.

Unha lei do aborto que “ten escandalizada a media Europa”

Davila destacou asemade a reforma da lei do aborto presentada o pasado venres: “un ataque retrógrado e reaccionario aos dereitos das mulleres”. “Unha lei machista e paternalista coa que Gallardón quer criminalizar ás mulleres, anular a responsabilidade e capacidade das mulleres para decidir sobre os seus corpos, e facelas parir case por decreto”. Un anteproxecto que ten “escandalizado a media Europa, sobre todo a Europa máis avanzada e civilizada, e que incluso non comparten destacados membros do PP”.

Por último, a portavoz do BNG fixo referencia á tarifa eléctrica para criticar que o “Consello de Ministros vaia aprobar a suba da factura da luz. A cuestión non é que se parase unha suba abusiva do 11%, a cuestión é que o Goberno tiña que conxelar a factura eléctrica e non aprobar aumentos da electricidade en todo o ano 2014. Polo tanto, para o BNG nin o 11%, nin o 5% nin o 3% de incremento valen, só vale o 0%”. Ademais, avanzou que o BNG vai rexistrar iniciativas no Congreso para que se cambie o sistema de prezos que “debería fixar o Estado, non empresas eléctricas que pactan os prezos”.

Asemade, censurou “a decisión que vai adoptar o Consello de Ministros de conxelar o salario mínimo interprofesional por segundo ano consecutivo”, e criticou que o PP “siga redundando nas políticas de empobrecemento das maiorías sociais”.

Sobre o proceso soberanista de Catalunya, a deputada do BNG afirmou que “a sociedade catalana vai por diante e un Goberno que se precie de democrático ten que estar á altura das demandas sociais. Non hai nada de inhóspito nen extraterrestre no feito de que os cataláns poidan pronunciarse nunha consulta o vindeiro ano sobre se queren a independencia. O Goberno inglés non tivo problemas en permitirllo a Escocia. Debería aprender e tomar nota”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG