Davila pregunta en que situación se atopa o trazado do AVE Cerdedo-Vigo

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para preguntarlle ao Ministerio que dirixe Ana Pastor en que situación se atopa o proxecto de trazado do AVE Cerdedo-Vigo.

“Afirmacións sorprendentes cando non hai nada feito”

Davila pón de manifesto que as palabras do Secretario de Estado de Infraestructuras no Senado causaron “unha grande sorpresa, posto que afirmou que o tramo de AVE que unirá Vigo con Ourense, vía Cerdedo, estará finalizado no mesmo prazo que o resto da liña entre a capital ourensana e a Meseta”.

Para a deputada do BNG “estas manifestacións resultan sorprendentes porque, que nos saibamos, o Ministerio de Fomento non avanzou absolutamente nada en relación con este trazado. Nen siquera no que atinxe a estudos e proxectos, nen no relativo á consignación de partidas orzamentarias que puideran indicar que o Goberno ten a vontade de levar a cabo unhas actuacións que evitarían o desprazamento até Santiago daqueles viaxeiros que se trasladan a Madrid desde diversos puntos do sur de Pontevedra”.

Neste sentido, Davila quer saber que previsións temporais manexa Fomento para o inicio destas obras e con que partidas orzamentarias conta. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG