Davila pídelle ao Goberno que amplíe o cadro de persoal do Fogasa

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito e unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a aumentar as plantillas do Fogasa, especialmente en Galiza, para atender axeitadamente os miles de expedientes de empresas en quebra que acumulan.

Lembra Davila que o Fogasa ten, entre as súas funcións, garantir que os traballadores de empresas en quebra, cobren unha parte dos seus salarios e indemnizacións adebedadas. Máis, cónstanos que en Galiza se acumula nos pagos un retraso medio dun ano, que incluso pode acadar os dous anos nalgúns casos”.

Coa crise os expedientes de empresas en quebra aumentaron desmesuradamente

A deputada do BNG recolle as declaracións de responsábeis do Fogasa nalgunhas provincias galegas, onde poñen de relieve que acumulan miles de expedientes, e que lles resulta practicamente imposíbel acudir a todas as vistas xudiciais nas que o Fondo debe acreditar se unha empresa é insolvente ou se debe asumir a parte de débeda das empresas cos seus traballadores.

Dado o atasco, “só asisten a xuizos importantes, en torno ao 10%”. A parlamentar nacionalista menciona algúns dados: en abril o Ministerio de Emprego sinalaba que existían en Galiza 10.711 expedientes pendentes de tramitación, e que os afectados polas demoras poden acadar os 15.000 traballadores. E nivel estatal, en 2008, o Fogasa tiña unha plantilla de 393 traballadores para 59.109 expedientes, e en 2012 existían 212.167 expedientes e 395 traballadores.

Critica Dávila a falla de medios humanos do Fogasa na Galiza porque “unha plantilla de 25 persoas non pode asumir o volume de traballo que existe pola crise”.

A portavoz do BNG sinala que “a solución pasa por incrementar os traballadores do Fogasa e poder ofrecer un servizo áxil e rápido posto que estamos falando de traballadores que se quedaron no paro e precisan os cartos que se lles debe”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG