Davila pide no Pleno a anulación das multas e dos intereses demora aos emigrantes retornados

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu esta tarde no Pleno da Cámara para defender as propostas do BNG en materia tributaria en relación ás pensións públicas percibidas polos emigrantes retornados que traballaron en estados nos que existe Convenio de doble imposición.

A portavoz do BNG destacaba as ideas do BNG no marco dun debate na sesión plenaria dunha proposición de lei do grupo socialista sobre este tema, deixando claro que de prosperar esta proposta de lei o BNG presentaría unha serei de emendas destinadas a mellorar a proposta hoxe en debate.

Davila aproveitou a sesión para reclamar a anulación das sancións e as multas practicadas aos miles de emigrantes retornados por non teren tributado polas pensións do estranxeiro, e que actualmente se ven acosados e perseguidos por Facenda como se fosen criminais cando está demostrado que actuaron con total descoñecemento de causa.

Hai que aclarar a lexislación tributaria e evitar a Dupla Imposición

A deputada do BNG subliñou a existencia dunha lexislación confusa e ambigüa en materia tributaria sobre pensións do estranxeiro, explicando que ao tempo que se rubricaron Convenios de Seguridade Social entre o estado español e a maioría de estados da OCDE onde houbo emigración para asegurar as prestacións sociais, tamén se asinaron Convenios para regular os aspeitos tributarios desas pensións co fin de armonizar o tratamento fiscal e evitar a dupla imposición.

A maioría, sinalou, segue o modelo de distinguir entre pensións privadas e públicas, estabelecendo como excepción que “as pensións e remuneracións similares pagados con cargo a fondos creados por un estado contratante, están exentas de impostos no outro estado contratante”.

Houbo diversas interpretacións, indicou Davila, máis en Galiza a maioría das resolucións xudiciais emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que emitiu cinco sentenzas, van en contra da opinión de Facenda, dan a razón aos emigrantes retornados en base “ás teses da súa exención á luz dos Convenios de Dupla Imposición”.

Davila criticou a actitude de Facenda que a pesar de todo isto “exixe que os emigrantes retornados tributen polas pensións do estranxeiro, en contra do criterio xudicial, e por riba, castigándoos con multas e intereses demora”.

Este doble xogo, é o que levou ao BNG a presentar tamén unha proposición de lei que pide reformar a Lei 35/2006, de novembro do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, para garantir unha aplicación das exencións acorde cos Convenios Internacionais de Dupla Imposición, eliminando así a arbitrariedade na súa interpretación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG