A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta a Montoro a anular, con carácter retroactivo, todos os expedientes sancionadores aplicados a miles de emigrantes retornados por non ter tributado polas pensións percibidas de países estranxeiros.
A deputada do BNG alude ao precedente asentado por Facenda ao anular a finais de decembro de 2013 a sanción a un dos afectados. É unha resolución do Tribunal Económico Administrativo Rexional ante o recurso presentado por un emigrante retornado de Ourense.
Facenda anulou unha das sancións, polo tanto, debería anular todas
Razón pola que Davila demanda a Montoro que anule as multas a todos os afectados, que abra un prazo de tempo necesario para que os miles de afectados regularicen o tema das pensións estranxeiras, e dado que a mesma Facenda recoñeceu que a lexislación nese ámbito non é suficientemente clara, pois é preciso que analice a normativa, estude cada un dos Convenios subscritos polo estado español con outros estados a fin de evitar que se aplique aos emigrantes retornados a doble imposición.
Sinala a deputada do BNG que aínda que se trate dun único caso, o feito de que decidise anular a sanción a un dos afectados senta precedente. Co cal, o normal sería que Facenda anulase de maneira colectiva todos os expedientes pero con carácter retroactivo porque moitos pagaron xa.
A deputada nacionalista deixa claro que o BNG sempre reivindicou, desde que coñecemos as multas, que se anulasen os expedientes porque non eran xustos. Desde o principio consideramos que era unha inxustiza porque os afectados actuaron con total descoñecemento, sen mala fe.
Critica Davila a actitude do Ministerio de Facenda porque someteu a unha persecución sen cuartel aos emigrantes retornados por puro afán recadatorio. Lembra que Galiza é un dos territorios con maior poboación emigrante, as sancións de Facenda recaeron en miles de galegos e galegas que desde entón se movilizaron. Facenda ignorou aos afectados, negándose en todo momento a procurar un acordo.