Davila pide explicacións ao Goberno polo drástico plan de redución da pesca de sardiña

FOTOS COMISIÓN PACTO TOLEDO 005A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia do Secretario Xeral de Pesca para que explique o borrado de Plan de xestión da sardiña para a franxa situada entre o golfo de Vizcaia até o de Cádiz, e que reduce de maneira drástica as cotas de pesca desta especie.

Davila rexistrou asemade unha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Agricultura para que informe das razóns de ter presentado ás confrarías un plan tan restrictivo.

A deputada do BNG pón de manifesto que o borrador do Ministerio plantexa unha redución das cotas dun 60%, “algo que sentou moi mal ao sector, especialmente na Galiza onde a pesca de sardiña ten un grande peso”. Davila lembra que no ano 2012 os barcos do estado español pescaron 23.275 toneladas de sardiña, mentras que co plan para este ano só habería 21.000 toneladas de cota a repartir entre o estado español e Portugal.

Precísase diálogo co sector do cerco

“En base ao borrador, ao estado español se lle asignaría o 40%, o que supón uns 8.400 toneladas, unha cantidade moi insuficiente que non permite garantir a actividade ao sector”, salienta Davila.

A deputada do BNG tamén recolle as argumentacións que parece manexar o Ministerio, e os estudos realizados polo Oceanográfico nas campañas “Pelacus” e “Sareva” que apuntan aos problemas do estado da biomasa da especie e do stock que está baixa.

Neste sentido, Davila recolle a preocupación do sector polo plantexamento dunha drástica redución de cotas, e salienta a necesidade de ter en conta algúns aspeitos que a frota de cerco apunta. “O sector critica que o plan de xestión non contemple a zona VIIIB (Pais Vasco e sur de Franza), onde en sucesivas ocasións se advertiu da práctica de capturas masivas de sardiña, o que tivo unha clara repercusión na zona VIIIC (norte de Galiza e Cantábrico), reducindo a súa biomasa”.

Para a frota do cerco, o feito de que o Ministerio exclúa do plan a zona VIIIB, suporá que non haberá recuperación posíbel desta especie porque seguirá sometida a unha grande presión. “A que se debe a exclusión do plan da zona VIIIB? Se os motivos dun plan tan restrictivo se deben ao estado do stock, Ten en conta o Ministerio que se non se inclúe a zona VIIIB dificilmente se producirá a recuperación da biomasa da zona VIIIC?”.

Ademáis, para o cerco galego a proposta do Ministerio é tan mínima que na práctica significa que se está a estabelecer unha veda. “Non considera que na práctica se está a decretar a veda da sardiña? Non estaríamos ante un caso similar ao da anchoa do Cantábrico hai uns anos? Non sería máis axeitado decretar unha veda subvencionada?”.

Finalmente, a portavoz do BNG demanda ao Ministerio que consensúe co sector do cerco o plan de xestión da sardiña e abra un marco de diálogo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG