Davila pide que compareza o Secretario de Facenda para que anule as multas a retornados

PLENO 2A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia do Secretario de Estado de Facenda para que informe sobre o dispór do Ministerio a anular as sancións realizadas a emigrantes retornados con pensións do estranxeiro por descoñecer que debían tributar por ese concepto.

A deputada do BNG quer que o responsábel de Facenda atenda a petición dos miles de emigrantes retornados con multas por non declararen as pensións percibidas de países estranxeiros. “Dado o elevado número de afectados, uns 25.000 na Galiza, pero as previsións indican que se van superar esas cifras, compartimos a demanda dos emigrantes de que Facenda suspenda de maneira colectiva as sancións”.

Sancionar a miles de emigrantes retornados denota afán recaudador

Davila enfatiza que “estamos ante un problema que afecta a un colectivo amplísimo, que por descoñecemento e desinformación non tributou esas pensións. O simple feito de que haxa tantos afectados é indicativo de que non houbo mala praxe nin mala fe, por iso, reclamamos a Facenda que poña o contador a cero e suprima as multas”.

Ademáis, a parlamentar do BNG pide a comparecencia do Secretario de Estado de Facenda polo tema dos estafados polas participacións preferentes e subordinadas. “Debe explicar que tratamento fiscal vai dar Facenda aos afectados polas quitas das participacións preferentes, e como vai garantir que os preferentistas non resulten prexudicados fiscalmente”.

Olaia Fernández Davila considera que “estamos ante dous problemas con colectivos moi numerosos de afectados que o Ministerio de Facenda debe atender con sensibilidade, e mirando sempre polos intereses dos cidadáns primeiro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG