Davila demanda Tejerina que traballe na UE para aumentar as cotas de xarda para a frota galega

DSC_0671A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandarlle á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que utilice os novos informes científicos sobre o stock da xarda para que a pesca galega teña máis cupo de pesca de xarda.

Sinala Davila que o Goberno coñece ben o malestar xerado no sector pesqueiro de cerco galego pola distribución das cotas de pesca da xarda no litoral do estado, en concreto no Cantábrico Noroeste. “A contrariedade dos mariñeiros galegos pola redución das cotas se explicitou en numerosas manifestacións e actos de protesta porque supuxo un duro revés para a frota de cerco dado que se trata dunha das pesquerías máis importantes”.

Davila pón de manifesto que o sector pesqueiro de Galiza agarda agora que os malos augurios para a pesca desta especie que a UE estaba a barallar a finais do ano pasado se emenden, dadas as novidades que se recollen nos novos informes dos científicos que asesoran á UE.

Hai marxe para aumentar as cotas de xarda

A deputada do BNG advirte que “o tempo corre e que aínda que até decembro non se decidirá na UE o Total de Admisíbeis de Capturas (TAC) para a xarda, non hai boas previsións sobre a mesa. Pero esa perspectiva se pode cambiar a raíz de coñecermos o informe realizado por científicos que asesoran á Comisión Europea. O Consello Internacional para a Explotación do Mar publicou unha nova recomendación sobre a poboación, o estado do recurso deste peláxico no Atlántico Nororiental, no que eleva a súa recomendación sobre cal debe ser o tope de capturas en relación ao que se barallaba en outubro de 2013.

A deputada nacionalista insta ao Goberno a traballar na UE para aumentar as cotas de xarda facendo valer os últimos informes científicos. “Non cre o Goberno que existe marxe para aumentar as previsións iniciais? Que xestións vai realizar o Goberno ante a UE?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG