Davila deixa claro "o non do BNG á lei de unidade de mercado que ataca competencias de Galiza"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe ao mediodía a emenda á totalidade presentada polo BNG ao proxecto de lei de unidade de mercado por “centralizador e invadir claramente as competencias autonómicas”.

De se aprobar este proxecto, advertiu a portavoz do BNG, “as CC.AA non poderán realizar políticas propias”. Davila criticou a lei que forma “parte do impulso centralizador do PP, que está nunha espiral interesada de culpar ás autonomías da situación de crise mentras oculta aos verdadeiros culpábeis”.

O proxecto, recalcou Davila, “promove a desregulación e impide ás Administracións territoriais levar a cabo as súas políticas de fomento e desenvolvemento económico. Coa lei do PP haberá máis concentración de capital”. A deputada do BNG subliña que o mesmo dictame do CES advirte de que o proxecto “pode ser de difícil aplicación e dar lugar a moitos litixios porque afecta a un bón número de competencias autonómicas e locais”.

A deputada do BNG puxo de manifesto que o proxecto favorece a posibilidade de que unha empresa poida estabelecerse nunha comunidade “sen ter que render contas á normativa das CC.AA sobre diferentes materias como o comercio e o medio ambiente”.

Davila sinalou que “existen instrumentos de cooperación e evitar duplicidades sen ter que crear órgaos como o Consello para a unidade de mercado”. Para a deputada do BNG a lei do Goberno cercena a posibilidade dun desenvolvemento económico propio e auto centrado. “Canta maior uniformidade no territorio estatal, menor capacidade das CC.AA como Galiza de poder facer políticas propias acordes coa nosa realidade económica, social e ambiental”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG