Davila condena no Pleno o "asalto fascista en Madrid" e parabeniza ao pobo catalán

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, aproveitou a súa intervención no Pleno da Cámara sobre o debate do ditame da Lei de Transparencia para expresar “a rotunda condena do BNG ao brutal asalto fascista de onte á noite en Madrid a nacionalistas cataláns que defendían de maneira pacífica e democrática as súas ideas”.

Ademáis, parabenizou ao pobo catalán “pola masiva manifestación de civismo e democracia na multitudinaria movilización de onte na Diada, no seu día nacional. Parabéns”.

En relación ao ditame da Lei de Transparencia, a deputada do BNG deixou claro o rexeitamento do BNG á lei porque ao final “esta lei non é máis que un paripé”.

Unha lei que fai augas por todas partes

Davila defendeu as emendas do BNG á lei porque está lonxe dunha auténtica normativa sobre a transparencia de organismos públicos, Casa Real, entes públicos privatizados , Banco de España e outras institucións públicas. “É unha lei con poucas garantías de eficacia”.

Criticou como fica o relativo á Casa Real porque “aínda que se fixeron esforzos de negociación, non se contempla de maneira convinte. Hai medo a que se coñeza con total transparencia o funcionamento e os movementos desta institución, cando a historia da monarquía española e a súa mala praxe debería exixir unha total e absoluta transparencia”.

En canto ao Banco de España, defendeu que “as actividades do Banco de España e do FROB estean suxeitas a esta lei, debido ás súas funcións públicas de supervisión e control do sistema financeiro. De igual xeito consideramos que este réxime debería estenderse ao ICO e a aquelas entidades financeiras privadas que recibiron ou poidan receber fondos públicos”.

Concluiu Davila que “esta lei non é eficaz, é un paripé”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG