Davila advirte que o Goberno só pretende garantir o sistema privado de pensións

A portavoz do BNG no Congreso alude aos “dramáticos dados da EPA coñecidos hoxe: 6.202.700 desempregados no estado e 287.400 na Galiza. O PP está empeñado no empobrecemento da xente”

Madrid, 25 Abril 2013. A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e portavoz adxunta na Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo, advertiu hoxe que o Goberno de Rajoy “non está a traballar para garantir a sostenibilidade do sistema público de pensións, senón que traballa para asegurar a sostenibilidade do sistema privado de pensións”.

Davila recibiu na pasada sesión da Comisión do Pacto de Toledo o primeiro informe que elaborou o coñecido como Comité de expertos creado polo Goberno para voltar a reformar as pensións. Un informe que hoxe publican os medios de comunicación baixo a alarma de incrementar a idade de xubilación máis alá dos 67 anos, ou aumentar a 40 anos o periodo de cotización para a pensión máxima.

Davila pide a “retirada urxente da reforma laboral e que non se toquen máis as pensións como non sexa para melloralas”

“O documento difundido pón de manifesto que o que preocupa non é a sostenibilidade do sistema público de pensións. Qué sentido ten falar agora de modificar a idade de xubilación a partir do ano 2027? Que pretende o Goberno con isto?”, pregúntase a deputada do BNG que se opón rotundamente a outra reforma das pensións. “Non é necesaria nen está xustificada, igual que non o estivo a que se aprobou en 2011. O BNG está totalmente en contra de que se aumente a idade de xubilación e os anos que se exixen de cotización para a pensión máxima”.

E sobre todo, enfatizou, “non compartimos que haxa que cambiar o método de cálculo da contía da pensión en base aos anos cotizados e logo divididos por unha esperanza de vida que non é unha regla nen xusta nen equilibrada. Co método que están a barallar os que poderían cobrar unha pensión de maior contía se lles reduciría, e os que teñen obterían unha pensión cativa non se lles melloraría. É dicer, trátase dun sistema insolidario”. Deixou claro que o BNG se oporá frontalmente a unha nova reforma das pensións

AS ALARMANTES CIFRAS DA EPA: 6.202.700 PERSOAS DESEMPREGADAS

A portavoz do BNG no Congreso demandou ao Goberno “a retirada imediata da súa reforma laboral porque nada bón está producindo. O paro está desbocado, medra por segundos, e as únicas bondades da reforma laboral de Rajoy consisten en aumentar o desemprego para elevar a reserva de mán de obra e así precarizar cada vez máis o empergo. Salarios cada vez máis baixos, eliminación de dereitos laborais e un futuro no que calquera poderá contratar por unha miseria de salario”.

Para Davila o “Goberno segue empeñado no empobrecemento da xente para enriquecer a uns poucos, ás élites económicas e financeiras e ofrecer unha sociedade sumida na probeza e sen recursos para mellorar”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG