Cosme Pombo: “É de xustiza homologar os títulos anteriores ao Plan Boloña nos países estranxeiros”

O Parlamento galego acorda por unanimidade instar ao Goberno central a elaborar as táboas de equivalencias para a hologación dos títulos univeristarios pre-Boloña en países estranxeiros

Cosme Pombo en Comisión

O deputado defendeu unha iniciativa para homologar os títulos universitarios anteriores ao Plan Boloña nos países estranxeiros

O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe, na comisión de educación, “recoñecer os títulos universitarios de plans anteriores ao Plan Boloña”,nomeadamente os de enxeñería.

Para o nacionalista, é “de xustiza este recoñecemento” no marco de Europa porque afecta a moitos galegos e galegas e lembrou que no ano 2011 o Decreto establecía o prazo dun mes para iniciar o proceso de certificación.

O deputado asegurou que esta circunstancia está a afectar negativamente a un gran número de galegos e galegas á hora do recoñecemento da titulación en moitos países e dado que cada vez son máis os enxeñeiros e enxeñeiras que traballan en empresas galegas ou do Estado español con obras de enxeñería nos Países de América Latina, EE.UU, Canadá ou Oriente Medio, “faise máis urxente a hologación”.

Desiguladade e problemas de equiparación dos títulos univeristarios

A falta de recoñecemento da titulación provoca “desigualdade” e problemas de equiparación dos títulos universitarios no estranxeiro. O BNG entende, dixo, que resulta urxente adaptar a situación dos titulados/as aos outros países da U.E.

Ademais de ver rebaixada a súa cualificación profesional, engadiu, tamén mingua as posibilidades de atopar traballo acorde á súa formación, polo que reclamou do Parlamento galego instar ao Goberno do Estado a tomar as medidas necesarias na liña de “equiparar canto antes, os títulos universitarios de Enxeñería co nivel 3 actual de Máster (MECES) e co EQF7.

Finalmente, o Partido popular anunciou o voto a favor da proposición non de lei do BNG cunha emenda que o deputado nacionalista aceptou por entender que a proposta “é un paso adiante” na procura da homologación dos títulos universitarios nos países estranxeiros.

Co texto definitivo consensuado polo PPdeG-BNG-AGE e PSdeG, “o Parlamento de Galiza insta á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado coa finalidade de axilizar o proceso de elaboración das táboas de equivalencias e as correspondentes normas transitorias do Real Decreto 10 27/ 2011 do 15 de xullo polo que se establece o marco español para educación superior, a fin de homologalo ao marco europeo de cualificacións do ensino superior (enxeñería pre-Boloña EQF 7, e a que corresponda ao resto das titulacións”.

O deputado do BNG asegurou que acordo acadado hoxe no Parlamento “debe ser executado canto antes” para recoñecer a titulación no estranxeiro das miles de persoas afectadas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG