O deputado do BNG, Luís Bará preguntou hoxe ao goberno polas xestións realizadas dende o 17 de outubro do 2017 para garantir a continuidade da empresa Maderas Iglesias na zona sur da provincia de Pontevedra e lamentou que despois de tres meses, “a Xunta non fixera nada”.
O parlamentario, tras saudar aos representantes dos traballadores e traballadoras presentes no debate na tribuna de convidados explicou que Maderas Iglesias, é “unha empresa punteira no sector da tarima flotante”, que contou con máis de 800 traballadores e traballadoras. Na actualidade, reduciu o seu cadro de persoal a 250 persoas e factura 16 M€ e aínda así, recalcou, segue sendo unha das empresas máis importantes do sector no sur da provincia de Pontevedra. Bará engadiu que a maioría do cadro de persoal está ocupado por mulleres.
O deputado salientou que a empresa someteu ao colectivo de traballadores a sete EREs, dous procesos concúrsaas e vulneración de dereitos laborais durante os últimos 8 anos ata chegar a “esta situación crítica” coa ameaza dun Ere Extintivo e “manobras do empresario descapitalizando a empresa, vendendo bens a prezo de saldo a familiares e facendo desaparecer a maquinaria e material”. O parlamentario cualificou de “grave” que mentres todo isto acontecía, a Xunta permanecera “inmóbil e ausente”.
O nacionalista aludiu á recente aprobación “por unanimidade”, á instancias do BNG, dunha proposición instando ao goberno galego a realizar accións necesarias ante a dirección de Maderas Iglesias para “garantir a continuidade da empresa, manter o emprego e velar polos dereitos laborais” e despois de tres meses dese acordo parlamentario, vostedes, afirmou , “non fixeron nada en todo este tempo”.
Pola súa parte, o conselleiro de Industria despachou o asunto sen ofrecer a máis mínima garantía de continuidade para a empresa. Bará recriminoulle a “distinta vara de medir” para defender a Elnosa, mesmo forzando a lei e permitindo que se vaia a pique Muebles Iglesias con cinco veces máis postos de traballo que Elenosa”.
A empresa, engadiu o nacionalista, conta cun aval do IGAPE e a Xunta ten unha responsabilidade porque puxeron cartos públicos ademais da obriga de defender o emprego industrial polo que pediu “renegociar a débeda” e reunirse coas partes para buscar unha solución porque se esta empresa pecha, “será unha catástrofe para o sector industrial da zona sur de Pontevedra ademais dun drama social e económico para máis de 200 familias”, concluíu.