Congreso: BNG pide ao Goberno un fondo económico para repara os danos dos temporais na Galiza

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, presentaron na Cámara unha proposición non de lei que insta ao Goberno a aprobar “con carácter urxente un fondo económico destinado a reparar os danos ocasionados polos sucesivos temporais que asolan a Galiza, e a outros territorios do Cantábrico”.

Ademáis, as parlamentares nacionalistas emprazan ao Executivo a aprobar un paquete de medidas destinado a paliar as importantes perdas económicas que sofriron sectores produtivos como o agrario e o pesqueiro, afectados polos efectos dos fortes temporais na súa actividade productiva”.

Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez chaman a atención do Goberno central polos graves danos provocados pola continuidade de temporais que destrozaron balaustradas de pasos marítimos, causaron desperfectos en vivendas, infraestruturas portuarias, viais, colexios, polideportivos, entre outros moitos.

Sen esquecer aos sectores produtivos prexudicados

As deputadas do BNG amosan a preocupación do BNG “polo desbordamento de ríos e de encoros, que actualmente están ao límite das súas capacidades. A persistencia das choivas torrenciais están desbordando ríos como o Tambre, o Ulla, o Miño, o Xallas, o Umia, o Mero, entre outros moitos, e destrozando os cultivos agrarios, así como pontes e estradas”.

As parlamentares nacionalistas tamén salientan as graves consecuencias que estes temporais teñen na actividade produtiva. “ademáis do impacto en infraestruturas e vivendas, hai que avaliar as nefastas consecuencias económicas que deixan no agro e na pesca. Os cultivos perdéronse, e as distintas frotas pesqueiras levan semanas sen saír do mar”.

Poñen de manifesto que “independentemente das actuacións a emprender polos gobernos autonómicos ou os concellos, é indubidábel que existe unha responsabilidade por parte da Administración central, posto que lle compete proveer dos fondos necesarios para arranxar os danos producidos en infraestruturas de competencia estatal como estradas ou en portos, e a adopción de medidas destinadas a rebaixar os negativos efectos en sectores produtivos como os mencionados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG