A Executiva do BNG manifestou na tarde de onte o seu rexeitamento e a súa crítica profunda á sentencia do Tribunal Supremo que inhabilita ao presidente da Generalitat, Quim Torra, por non retirar da sede do Goberno catalán unha pancarta das plataformas cívicas en apoio aos presos políticos cataláns.
A sentencia supón un novo e grave paso na cadea de decisións absolutamente politizadas, flagrantemente desproporcionadas e abertamente orientadas á represión dos dereitos e da actuación pacífica e democrática das forzas e colectivos independentistas cataláns, e marca un feito sen precedentes que reforza a deriva profundamente involucionista e antidemocrática dos poderes do Estado.
O BNG traslada a súa solidariedade ao president Torra e ao conxunto do amplo movemento democrático catalán que leva anos reivindicando de diferentes formas pacíficas, cívicas e masivas o recoñecemento do dereito a decidir da sociedade catalá.
A sentencia do Supremo, na opinión da Executiva do BNG, non só non contribúe a distender o clima político e a procurar vías políticas para a solución do conflito catalán, senón que agrava o estado de cousas, incide na súa xudicialización e reforza a represión e a vinganza como única resposta dos poderes do Estado fronte á moi maioritaria demanda democrática da sociedade e das forzas políticas de Cataluña.
Desde o BNG reafirmámonos na nosa posición de que diálogo, a negociación e o recoñecemento dos dereitos democráticos e da vontade popular son o único camiño que pode resolver o conflito político aberto.