Cargos do BNG da Coruña e As Mariñas reclaman ao Delegado do Goberno solucións para os atascos de Perillo

rego visita oleiros obra ac-12 foto2
Oleiros
Envían un escrito conxunto avanzando medidas para paliar os engarrafamentos xerados polas obras de ‘Sol y Mar’, entre elas, levantar as barreiras da AP-9.

Portavoces municipais do BNG das comarcas da Coruña e das Mariñas, xunto co Deputado no Congreso, Néstor Rego, e a Deputada no Parlamento da Galiza, Mercedes Queixas, dirixiron un escrito ao Delegado do Goberno, José Miñones, para lle solicitar medidas que contribúan para resolver os continuos atascos xerados polas obras de soterramento da AC-12 en Perillo. Asinan o escrito Xurxo Martínez (Oleiros), Francisco Jorquera (A Coruña), Dani Carballada (Cambre), Tono Chouciño (Culleredo), Isabel Reimúndez (Sada), Amelia Sánchez (Betanzos) e David Carro (Bergondo).

Na carta, os cargos públicos do BNG salientan que nas comarcas da Coruña e das Mariñas se están a producir “graves problemas de atascos no tráfico rodado debido ás obras de soterramento da circulación da AC-12 no coñecido como cruzamento de “Sol y Mar” en Perillo (Oleiros) que finalmente, após anos de retraso, deron comezo en xuño”.

Acrecentan que o inicio dos traballos está causando longas fileiras de vehículos que deben acceder por esa vía desde as localidades limítrofes para chegar até o centro da cidade da Coruña e, “dado que as obras teñen prevista unha duración de varios anos, é urxente pór en marcha medidas que palíen esta situación de embotellamentos continuos”.

As representantes do BNG que asinan o escrito avanzan solucións na liña das que a veciñanza “está a reclamar”, sinalando que son “de sentido común e que a administración competente, neste caso a do Estado, xa debía ter previsto”.

Entre elas, propoñen un deseño no horario de execución das obras en quendas, en que se prime o horario nocturno e non se dificulte o tránsito nas horas de máis afluencia circulatoria. Ademais, sinalan, “sería necesaria a coordinación co resto de administracións para pór en andamento un reforzo do transporte público, que permita aos usuarios e usuarias non ter que utilizar o vehículo particular para chegar ao centro da cidade da Coruña”.

Con todo, a medida que consideran imprescindíbel porque serviría de alivio á circulación e impediría os continuos engarrafamentos no tráfico e o caos circulatorio “sería o levantamento das portaxes de Guísamo e de Santa Marta de Babío na AP-9 en canto duren as obras”.

Para a representación do BNG, coa apertura das barreiras na Autoestrada do Atlántico “lograríase a drenaxe por unha vía de alta capacidade dunha grande parte do tránsito que agora mesmo ten que pasar necesariamente por ese cruzamento” e lembran que moitos dos veciños e veciñas dos concellos limítrofes non dispoñen dunha alternativa circulatoria de balde, polo que a posibilidade de acceder á Coruña utilizando a AP-9 sen ter que facer fronte a pagamentos serviría para mellorar o tránsito en toda a área metropolitana.

Nese sentido, as e os portavoces municipais, xunto coa deputada e o deputado, solicitan á Delegación do Goberno “que realice as xestións oportunas para aplicar canto antes medidas que contribúan para resolver un problema importante e que é evidente que non se pode manter no tempo polos graves prexuízos de toda índole que está a causar”.

Cabe lembrar que o deputado no Congreso, Néstor Rego, que no pasado sábado visitou o lugar das obras acompañado de cargos nacionalistas da Comarca, xa ten rexistrado hai días iniciativas para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana implemente medidas como as que agora o BNG traslada á Delegación do Goberno, co obxectivo de resolver os problemas xerados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG