O BNG lanza unha campaña de denuncia da estafa legalizada da luz na que pon o foco na conivencia entre o Goberno do PP e o lobby eléctrico, simbolizado na imaxe do presidente da Xunta fundido nun abrazo co presidente de Iberdrola, Ignacio Galán, e con lema “Hai apertas que venden un País, Feixóo cómplice das eléctricas”. Iberdrola, unha das grandes multinacionais do sector, obtivo uns beneficios de 3.610 M€ en 2021.
“Este abrazo explica por que Feixóo permite o espolio dos recursos do País; por que permite atentados ambientais como o baleirado dos encoros para que ás eléctricas se sigan forrando; explica un bum eólico depredador e tamén explica por que vota en contra dunha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, como existe noutras zonas produtoras”, argumentaba a portavoz nacional, Ana Pontón, desde A Coruña onde se lanzou a campaña.
Cunha tarifa desbocada, -hoxe o MWh é un 606% máis alto que fai un ano-, a líder nacionalista pregunta se é democrático que “un puñado multinacionais” fixen o prezo dun ben público básico, poñendo en risco a recuperación económica e miles de empregos.
“As eléctricas mandan máis cos gobernos, teñen unha normativa feita a súa medida e teñen en nómina a ex-presidentes e a ex-ministros e ministras do PP e do PSOE a través das portas xiratorias”, denuncia Pontón. Para a líder do Bloque, a estafa da luz é especialmente grave en Galiza porque, sendo produtora de electricidade, soporta os custes ambientais e sociais pero sen recibir ningún beneficio.
Por iso, destaca, o BNG non deixará de dar a batalla para que a riqueza eléctrica repercuta en beneficio das familias, da clase traballadora e das empresas para crear emprego, de aí esta campaña de denuncia e mobilización que da continuidade á recollida de sinaturas por todo, co mesmo obxectivo de denuncia da estafa e a favor de medidas que abaraten a factura.
Medidas como a tarifa eléctrica galega, como a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego. Ao contrario do que pasa, que en pleno bum eólico se pechen empresas vinculadas precisamente ao sector e á instalación de parques como foi o caso de Siemens-Gamesa ou agora a ameaza sobre VESTAS.
“Basta xa de abrazos coas eléctricas, basta xa de vender Galiza, basta xa de poñer a nosa riqueza ao servizo das multinacionais, cando debe servir para o desenvolvemento do País”, concluíu.