parlamento galego

BNG urxirá á Xunta no Parlamento a impulsar os acordos precisos para fixar as axudas ao marisqueo na ría do Burgo

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas defende mañá na Cámara galega unha iniciativa para comprometer e axilizar as compensacións ao sector polas obras na ría  

BNG defenderá mañá martes no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta promova con urxencia as reunións necesarias entre as administracións implicadas para acordar as compensacións para o sector do marisqueo (e a Confraría de Pescadores da Coruña) como consecuencia da paralización económica da súa actividade derivada das obras previstas na ría do Burgo.

Na proposición non de lei que defenderá a deputada Mercedes Queixas na comisión parlamentaria de Pesca tamén se insta ao Goberno galego a comprometerse para que estas compensacións se manteñan mentres non se garantan as condicións óptimas para a práctica do marisqueo con normalidade.

Queixas advirte de que “segue sen darse unha solución ás necesarias compensacións para o sector”, pese á licitación, “por fin”, o pasado xaneiro do necesario e demandado dragado da ría. “No BNG seguimos moi preocupadas porque aínda seguen sen dar solucións, nin o Goberno estatal, nin a Xunta, ás necesarias compensacións económicas coas que hai que resarcir ás mariscadoras e mariscadores que durante algo máis de 24 meses se van ver obrigadas a parar e non poderán realizar o seu traballo”, recalca.

Neste sentido, apunta tamén que, segundo transcendeu nos medios de comunicación, na reunión celebrada a mediados de febreiro entre a ministra Teresa Rivera e o presidente do Executivo galego, Núñez Feixóo, “se falou da dragaxe e rexeneración da ría do Burgo, pero en ningún momento se mencionou nada sobre a paralización económica que terá a actividade marisqueira”.

A deputada nacionalista lembra na súa iniciativa que tanto a Mesa da Ría do Burgo como a Confraría de Pescadores consideran imprescindible que “antes do inicio das obras” se teña acordado entre as administracións galega e estatal as compensacións para o sector e que o proxecto de dragaxe da ría -cunha duración estimada de entre 21 e 26 meses- non cuantifica as medidas de compensación económica que percibirán nin as e os mariscadores, nin a Confraría (titular do punto de control e pesaxe de todo o marisco extraído da ría).

Segundo os estudos realizados pola propia Confraría, as compensacións económicas situaríanse nos 1.416 euros mensuais por mariscador ou mariscadora a pé e 2.000 euros mensuais no caso do marisqueo a flote. Tamén quedaría pendente de resolver a compensación á Confraría, cuxa concreción dependerá da cuantificación final das súas perdas (en base á súa porcentaxe sobre o total de vendas de marisco). 

Logo de incidir en que o sector vaise ver imposibilitado a realizar o seu traballo durante máis de dous anos, Queixas conclúe que, con esta iniciativa, dende o BNG “defendemos o necesario compromiso da Xunta, e a corresponsabilidade igualmente necesaria do Goberno do Estado, coas mariscadoras e mariscadores do Burgo”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG