O deputado do BNG Iago Tabarés reclamoulle á Xunta do PP que lidere un plan de desenvolvemento industrial para a comarca de Ourense, en coordinación co resto de administracións públicas e cos axentes sociais e sindicais implicados. Recalcou o apoio do BNG ás traballadoras e traballadores da empresa Faurecia, a compañía auxiliar de Stellantis punteira na fabricación de compoñentes, que dá emprego máis de 250 familias e que reduciu nos últimos dous anos 75 empregos, anunciando a súa intención de desfacerse de 25 persoas máis.
Trabarés recriminoulle ao PP que os responsables do Goberno de Rueda aínda non recibise o comité de empresa, e acusouno de mentir por asegurar que non pediron ningunha xuntanza cando, segundo o deputado, os traballadoras e traballadores da compañía teñen solicitada unha reunión coa Xunta desde o pasado 7 de marzo. “Chama a atención que o PP só mire para Madrid pero que obvie as competencias exclusivas en materia de industria”, apuntou.
O deputado nacionalista emprazou o Executivo galego a “facer menos anuncios que despois non existen” e a “tomar en serio a Ourense”, recordando algúns proxectos propostos polo PP como o circuíto de velocidade de Verín, aos avións non tripulados en Transmiras ou a factoría inglesa de coches eléctricos para Melón. Requiriulle así mesmo recursos públicos que xeren emprego na comarca, así como medidas para loitar contra a deslocalización no sector da automoción.
Neste sentido, esixiu a implicación da Xunta e pediu establecer, nas sucesivas convocatorias de achegas públicas,ou limitacións á deslocalización ou redución significativa da produción porque –advertiu— na realidade “os recursos dos galegos e galegas están servindo para crear postos de traballo en Portugal e Marrocos”.
Na súa exposición de motivos na Comisión de Industria, Tabarés presentou datos alarmantes sobre a situación demográfica e laboral de Ourense. A provincia conta con 305.510 habitantes, unha cifra que, aínda que representa un incremento por terceiro ano consecutivo, supón 30.000 habitantes menos en 2009, e 100.000 menos que hai 40 anos, un 25% inferior. O saldo vexetativo segue sendo negativo, coas mortes superando os nacementos en máis de 3.400 persoas ao ano, e a emigración continúa a ser unha das maiores fontes de saída de poboación, con máis de 5.400 ourensáns e ourensás abandonando Galiza no último ano.
A taxa de actividade de Ourense, a máis baixa de todo o Estado, non chega ao 49%, e a provincia tamén rexistra a pensión media máis baixa do País, cun 75% da media estatal, o que coloca a maioría dos 110.000 (1 de cada 3 persoas) pensionistas da provincia por debaixo do limiar do mileurismo. Tamén sinalou que das máis de 24.800 sociedades existentes na provincia, só 13 teñen máis de 250 traballadores ou traballadoras, e o sector industrial perdeu máis de 100 empresas nos últimos 10 anos (un 25%), a pesar de que representa o 14% do emprego e o 21% do PIB provincial.
Que debe contemplar o plan industrial para Ourense
A preocupación que xeran noticias como o futuro incerto de Faurecia Ourense, tras o desvío da carga de traballo por parte de Stellantis, non pode ser ignorada”, indicou Iago Tabarés. O deputado sinalou que a pasividade da Xunta de Galicia e do Partido Popular ante esta problemática agrava a situación, recordando que cando Citroën pechou a súa planta na provincia, a mobilización cidadá e sindical permitiu recolocar a 300 traballadores e traballadoras en Vigo, pero o futuro da industria automotriz en Ourense segue en perigo.
É por iso que a iniciativa do BNG, que foi rexeitada polo PP, contempla unha serie de medidas imprescindibles para o desenvolvemento industrial de Ourense, como o remate da segunda fase da conexión da A-52 co polígono de San Cibrao, de apenas 6 km., a continuación da AG-31 —que o PP decidiu que remataba en Celanova—até a fronteira portuguesa —tal e como estaba prevista e que foi suspendida polo PP—ou o impulso da Autovía A-56 entre Ourense e Lugo.
O Bloque demanda tamén a creación dunha estación ferroviaria de mercadorías en San Cibrao, a dotación de solo industrial e empresarial, xa que a día de hoxe non existe ningunha parcela dispoñible. Tamén pide a ampliación dos polígonos de Pereiro de Aguiar, do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, e a creación definitiva do Parque Empresarial de Paderne de Allariz, unha demanda non só do BNG, senón tamén do Pleno da Deputación de Ourense e dos concellos da comarca.
“O futuro de Ourense pasa por un plan industrial ambicioso que fomente a instalación de empresas tecnolóxicas e de alto valor engadido, vinculado á sustentabilidade ambiental. Temos que reforzar a investigación, a formación profesional e poñer os recursos naturais ao servizo da creación de emprego e desenvolvemento económico e social sustentable, en lugar de beneficiar a catro empresas por moi amigas do PP que sexan”, concluíu.