Parlamento Galego

BNG exixe á Xunta compromisos para a inmediata ampliación do Polígono Empresarial de Bértoa

Daniel Pérez
Daniel Pérez

“O goberno galego leva 16 anos de promesas incumpridas e anuncios electorais sen solucións reais” denunciou Daniel Pérez

O deputado nacionalista advertiu que a falta de solo industrial bloquea o crecemento empresarial e económico de Carballo e da súa comarca

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Pérez López, denunciou no Parlamento a inacción da Xunta do PP con respecto á ampliación do Polígono Empresarial de Bértoa en Carballo. Lembrou que o parque empresarial está totalmente ocupado e que non queda un só metro cadrado dispoñible para novas empresas, o que supón un freo ao crecemento industrial e á xeración de emprego na comarca.

A situación vén derivada dunha cadea de incumprimentos reiterados por parte da Xunta do PP. "Levan 16 anos facendo anuncios en épocas electorais, mais a realidade é que seguimos sen solo industrial en Carballo", lamentou Pérez López. O deputado destacou que, malia que no ano 2009 xa se incluíra unha partida orzamentaria para a ampliación, esta nunca se executou. Desde 2020, o BNG leva presentando emendas anuais aos orzamentos autonómicos para garantir a ampliación do polígono, pero o PP votou en contra en todas as ocasións.

Pérez López explicou que, en febreiro deste ano, o BNG rexistrou unha nova iniciativa parlamentaria para instar á Xunta a formalizar de inmediato os contratos xa adxudicados para a redacción dos proxectos de expropiación, desenvolvemento, urbanización e parcelamento do Polígono de Bértoa; axilizar no posible a tramitación da ampliación do parque empresarial e fixar e comunicar de xeito claro un cronograma realista á xerencia da comunidade de propietarios do polígono.

A falta de solo industrial non só afecta ás novas empresas que queren instalarse en Carballo, senón tamén ás xa existentes, que ven freado o seu crecemento. Ademais, o bloqueo administrativo da ampliación do polígono impide o desenvolvemento económico da comarca e a creación de postos de traballo.

A proposición non de lei do BNG para arrincar un compromiso ao Goberno galego para formalizar datas para ampliación do polígono de Bértoa foi votada en contra cos votos do PP. Desde a formación nacionalista, advirten que non cesarán na súa loita por desbloquear esta situación. "Non imos parar ata que a Xunta cumpra cos compromisos adquiridos e garanta a ampliación do Polígono de Bértoa. Non podemos seguir perdendo oportunidades de investimento e emprego por culpa da deixadez do goberno galego", concluíu Pérez López.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG