Senado

BNG pedirá ao Goberno a aplicación inmediata das bonificacións de até 75% na AP-53

Carme da Silva
Carme da Silva

“Cando entrarán en vigor as bonificacións da AP-53?” preguntará a senadora do BNG, Carme da Silva, ao Ministro de Transportes

O BNG lembra o compromiso do Goberno, conseguido polo BNG, de implantar estas bonificacións no primeiro trimestre de 2025 “houbese ou non orzamentos”

O Bloque Nacionalista Galego continúa a súa loita para garantir que as persoas usuarias daautoestrada AP-53 poidan beneficiarse das rebaixas históricas que o BNG conseguiu no Acordo de Investidura. A senadora nacionalista, Carme da Silva, preguntará ao Ministro de Transportes durante a vindeira sesión de control na cámara territorial para coñecer cando ten previsto o Goberno comezar a aplicar estas bonificacións, que permitirán reducir até 75% o custo da peaxe.

O BNG lembra que estas rebaixas foron un logro da organización nacionalista no marco da negociación para a investidura e que teñen un impacto fundamental para milleiros de galegos e galegas que utilizan esta infraestrutura no seu día a día. "Estamos a falar dunha medida xusta e necesaria para aliviar a carga económica de moitas familias e profesionais que dependen desta autoestrada, especialmente nun contexto de encarecemento xeralizado do custo da vida” sinala Carme da Silva.

De facto, recorda a senadora nacionalista, existe un compromiso por parte do Goberno de efectivizar estas bonificacións para as persoas usuarias “no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non orzamentos”. Un compromiso, anunciado pola propia senadora do BNG e confirmado polo Ministro de Transportes durante unha sesión de control ao Goberno no pleno do Senado.

Desde a súa inauguración, a AP-53 converteuse nunha vía fundamental para a conexión entre Santiago e o interior de Galiza, mais a súa elevada peaxe dificultou o seu uso para unha parte importante da poboación. "Non pode ser que a cidadanía galega siga a padecer tarifas abusivas mentres noutras partes do Estado existen autoestradas gratuítas. É hora de que o Goberno cumpra o acordado e faga efectiva a aplicación das bonificacións" insiste a senadora nacionalista.

A organización nacionalista reafirma o seu compromiso de seguir fiscalizando o cumprimento do Acordo de Investidura e de defender os dereitos da cidadanía galega en Madrid. "O BNG demostrou que a súa presenza en Madrid serve para avanzar en melloras concretas para a Galiza. Seguiremos presionando até que as bonificacións na AP-53 sexan unha realidade "conclúe a senadora.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG