congreso

BNG urxe o MITECO a reparar o derrube dos cantís na praia do Xunqueiro en Oleiros

Oleiros
Oleiros
Néstor Rego recrimina a falta de interese da Administración estatal ante o perigo que supón para condutores e viandantes non levar a cabo a obra en dominio público marítimo terrestre e que afecta á estabilidade da estrada que bordea a cala.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa no Cogreso para reclamar ao MITECO que se comecen as obras de restauración da parede derrubada no Xunqueiro (Oleiros), pois afecta ao dominio marítimo terrestre e pon en perigo a circulación de tráfico e viandantes. A formación nacionalista urxe á Dirección Xeral da Costa e o Mar, como organismo competente na materia, para garantir a estabilidade nos cantís e evitar que continúen deteriorándose e evitar máis derrubes.

O Xunqueiro é unha zona costeira próxima aos faros de Mera, onde se localiza un pequeno núcleo de poboación preto da auga e dunha pequena cala de area. A zona non ten ningún abrigo natural polo que padece as accións do mar e o vento, que levaron a que despois dos temporais de 2019 comezara a derrubarse parte da parede do cantil na cala de area. Tras a caída tanto do ribazo como da varanda de protección de madeira que se situaba á beira da estrada, a vía queda agora ao borde xusto do precipicio, e sen protección para vehículos nin peóns.

“A zona sitúase dentro de dominio público marítimo terrestre e sobre a mesma ten competencias directas o Ministerio para a Transición Ecolóxico e o Reto Demográfico a través da Demarcación de Costas da Dirección Xeral da Costa e o Mar que está facendo omisión do seu deber ao non asegurar a parede na que se apoia a estrada” salienta o deputado do BNG no Congreso. Por este motivo, Néstor Rego vén de rexistrar unha iniciativa na cámara estatal para que o Goberno do Estado acometa “con carácter urxente” as obras de reparación do noiro “antes de que se derrube por completo a vía”.

A formación nacionalista destaca a necesidade de levar a cabo as obras para “evitar, ademais de danos materiais, un posíbel custo de vidas humanas se se produce o derrube mentres circula algún vehículo ou peón ou mesmo se se atopa alguén na propia cala”. Cos temporais do inverno pasado producíronse novos desprendementos, afectando nesta ocasión a unha parte do parque de esparexemento que teñen os veciños da zona e que caeu encima do acceso á praia, esmagando unha barca alí resgardada e quedando o acceso á cala completamente interrompido.

“A única medida adoptada ata o momento é a sinalización con cinta da zona perigosa pola Policía local e a Garda Civil e, a pesar das reiteradas peticións e denuncias da veciñanza, seguen sen iniciarse as actuacións necesarias por parte do Goberno do Estado que parece non ter intención de responsabilizarse da retirada de entullos e a reparación do noiro que soporta a vía de comunicación” recrimina Rego.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG