A senadora do BNG, Carme da Silva, volve a rexistrar iniciativas para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica adopte as medidas necesarias que permitan garantir o acceso e tránsito de todas as persoas na Illa de Toralla, en cumprimento da Lei de Costas e das sentenzas xudiciais que recoñecen este dereito. A accesibilidade pública á Illa de Toralla, situada en Vigo, é unha demanda histórica e unha cuestión de xustiza que, para a senadora nacionalista, debe resolverse de maneira definitiva polo que require coñecer as previsións do Goberno nesta asunto.
O pasado mes de outubro, o propio Ministerio recoñecía ao BNG que era "consciente das limitacións existentes en Toralla en relación á efectividade da servidume de tránsito" e aseguraba que estaba "traballando nunha solución para reverter esta situación". Meses despois desta información oficial, o Ministerio continúa sen dar pasos adiante para garantir o acceso público á illa polo que a organización nacionalista volve rexistrar iniciativas demandando ao MITECO axilidade no procedemento.
“O Ministerio debe levar a cabo medidas efectivas que permitan, dunha vez por todas, que o acceso público á illa sexa unha realidade” subliña a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva interésase polas previsións, medidas e prazos que manexa Transición Ecolóxica para a recuperación do tránsito na illa e garantir o paso público, tal e como estabelece a Lei de Costas e as diferentes sentenzas xudiciais.
O BNG, sinala a senadora nacionalista, considera que a accesibilidade pública á Illa de Toralla é unha demanda histórica e unha cuestión de xustiza que “debe resolverse de maneira definitiva”. Segundo explica Carme da Silva, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico deba pasar “das palabras aos feitos e adoptar as medidas necesarias para garantir o libre tránsito en cumprimento da lei”.
Cumprir a Lei e as sentenzas xudiciais
Cabe lembrar que a Illa de Toralla, situada na Ría de Vigo, foi obxecto dunha salvaxe especulación urbanística nos anos 60, quedando practicamente privatizada. A pesar de contar con terreos de dominio público, o acceso á illa está restrinxido pola presenza dunha valado no inicio da ponte e a existencia de vixilancia que impide o paso de persoas non autorizadas. Esta situación vulnera claramente a Lei de Costas, que estaeblece a obrigatoriedade de deixar expedita unha franxa de seis metros para o tránsito público.
Ademais das constantes denuncias cidadás, en 1997 o Tribunal Supremo xa rexeitou o recurso dos residentes da illa que pretendían a exclusividade no uso e goce da ponte e das praias. A sentenza estabeleceu con claridade que os propietarios deben ceder para dominio público seis metros de terreo. A pesar desta resolución, a situación de inaccesibilidade mantense, en claro incumprimento legal.