Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, vén de rexistrar iniciativas para exixir ao Goberno que adopte as medidas necesarias para garantir a correcta aplicación do Código de Boas Prácticas Bancarias. A formación nacionalista demanda impedir prácticas fraudulentas na transmisión dos créditos hipotecarios por parte das entidades bancarias e garantir a posibilidade de reestruturación ou negociación da débeda ou a dación en pago.
En 2012 coa crise económica e ante a avalancha de desafiuzamentos, o Goberno do Estado a iniciativa do daquela Ministro de Economía, Industria e Competitividade, Luís de Guindos, aprobou un Código de Boas Prácticas, para tentar poñer freo ao problema. Así, as entidades bancarias podían adherirse, voluntariamente, e comprometéndose a ofrecer aos seus debedores inmobiliarios, especialmente ás familias situadas no "limiar de exclusión" a posibilidade de negociar coas entidades financeiras a reestruturación da débeda, o estabelecemento dunha quita ou a dación en pago. Practicamente a totalidade dos bancos adheríronse a este Código.
Mais, con todo, na actualidade moitas destas entidades bancarias ou financeiras adheridas están a utilizar mecanismos fraudulentos para evitar a súa aplicación. Así, acoden a un armazón societario interposto, a través do cal o banco cede ou transfire o préstamo hipotecario a outra parte de si mesmo, normalmente, algún fondo de investimento ou outra estrutura semellante pero xuridicamente independente. No momento de executar a hipoteca, explica a organización frentista, a entidade titular do crédito non se atopa obrigada a aplicar o Código por non ser “formalmente” parte asinante.
“Esta práctica elusiva execútase de forma claramente premeditada coa intención de privar aos seus clientes dun dereito recoñecido no Código” denuncia o deputado do BNG. Rego, ademais, explica que esta interposición doutra entidade realízase mesmo “cando o crédito xa foi reclamado xudicialmente”. O banco titular da débeda durante o propio procedemento de execución fai a substitución da parte acredora -para o que, ademais, non se necesita o consentimento do debedor nin debe comunicarllo tan sequera- polo que o acredor hipotecario executante pasa a ser un fondo de investimento, de forma que non se lles pode esixir o cumprimento das medidas contempladas no Código de Boas Prácticas, e o banco non aparece nunca como incumpridor.
Tal e como viñeron denunciando distintas entidades en defensa do dereito a unha vivenda digna, entre as que se atopa na Galiza o colectivo STOP DESAFIUZAMENTOS, esta práctica realizada durante a fase de execución supón unha dobre fraude, pois cando un préstamo está xudicializado e é transmitido, o debedor hipotecario ten o dereito de coñecer a quen se cedeu e a lei concede nove días para poder recuperalo e igualando o prezo.
“Alén disto, a transmisión non se comunica e o debedor non pode coñecer o prezo, argumentado a entidade bancaria que a venda foi realizada dentro dun paquete ou lote, non de forma individualizada” subliña Rego. Desta forma, prívase do dereito de paralizar a venda do inmóbel que garante o préstamo e en consecuencia a perda da súa vivenda e o seu posterior desafiuzamento. Prodúcese unha total indefensión por parte dos debedores hipotecarios.
Por este motivo a formación nacionalista reclama control para que as entidades bancarias e financeiras cumpran o contido do Código de Boas Prácticas Bancarias e urxe reformas lexislativas que garantan a súa correcta aplicación. “Os debedores teñen que poder realizar a reestruturación ou mesmo a negociación da débeda ou a dación en pago, tal e como é o seu dereito, ademais de garantir que sexan comunicados todas as transmisións de lotes respectando os dereitos dos debedores hipotecarios” conclúe o deputado nacionalista.