BNG urxe a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza

Non á violencia machista
Non á violencia machista

Rego: “Se o Ministerio de Xustiza quere traballar na loita contra a violencia de xénero é preciso materializar este desexo en políticas públicas efectivas e prácticas”

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela carecen deste órgano especializado a pesar de existir informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación, recrimina

O Bloque Nacionalista Galego reclama, máis unha vez, ao Goberno do Estado a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza: Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, incide na necesidade de comezar os trámites para incrementar os organismos especializado na materia despois de que a frente nacionalista coseguise recollelo no Acordo de Investidura e rexistrado diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos do Estado durante a lexislatura.

Nas últimas Memorias do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero reitérase a recomendación de “avanzar na especialización dos xulgados relacionados coa violencia contra as mulleres”. Tamén o Servizo de Inspección realizou numerosos informes en que se analizaba a necesidade de crear estes órganos instrutores e de axuizamento, a especialización ou mesmo a comarcalización dalgúns dos xa existentes. De facto, no caso concreto dos xulgados do penal recoméndase a creación de, polo menos, un xulgado en cada provincia.

“O BNG coincide coa necesidade de crear tres xulgados máis de violencia de xénero na Galiza. Por este motivo xa o incorporamos ao Acordo de Investidura a comezos da lexislatura e, de maneira continuada, rexistramos diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos para 2021, 2022 e 2023” destaca o deputado do BNG.

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela son cidades que carecen deste órgano especializado a pesar da existencia dos numerosos informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación. En opinión de Néstor Rego, se de verdade se quere traballar na loita contra a violencia de xénero o Ministerio de Xustiza debe comprometerse. “É preciso materializar este desexo en políticas públicas efectivas e prácticas. O Goberno debe cumprir os seus compromisos” sinala.

Agora, a frente nacionalista volve reclamar, a través de iniciativas na cámara baixa, comezar os trámites para a creación destes órganos xudiciais especializados e estabelecer un calendario para aclarar cando estarán operativos.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG