O BNG reclamou no Parlamento que se permita a ampliación dos compromisos nas axudas de 2025 para ás explotacións en ecolóxico existentes e se posibilite que novas explotacións e xente moza poida tamén acceder a esas achegas.
Ademais, na iniciativa, pedíase que se incremente o número de hectáreas que cobren o 100% das achegas e que se permita o cambio de parcelas en ecolóxico mantendo como mínimo os compromisos..
O Deputado Secundino Fernández preguntou polos 4.200.000 euros que a Xunta deixou sen executar da liña de axudas correspondentes aos anos 2023 e 2024, e que considerou “cruciais” para as explotacións. É por iso que o BNG, na proposición non de lei, reclamaba modificacións para que se executen eses fondos na súa totalidade.
Na súa argumentación na Comisión 7ª recordou que no ano 2023 entrou en funcionamento a Política Agraria Común (PAC) para o novo período, coñecida como PEPAC 23-27. Neste novo período as explotacións agrogandeiras galegas tiveron a opción de solicitar axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023, cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Feader.
Fernández destacou a importancia destas axudas, nas que as explotacións agrarias se comprometen a manter a explotación e as súas características durante os cinco anos, até o 2027 que duran as axudas. “Son fundamentais para o mantemento, viabilidade e permanencia das explotacións agrarias galegas, sobre todo das profesionais”, e engadiu que “son aínda máis necesarias nas zonas máis despoboadas e cunha gandería máis extensiva, nas zonas de montaña con gandería de carne e tamén con apicultura”.
Ademais, quixo por de manifesto que, por decisión do Goberno da Xunta do PP, estas axudas só teñen unha convocatoria de concesión, que foi o ano 2023, requirindo nos anos posteriores e até o de agora renovación de compromisos a manter por parte dos solicitantes; algo que segundo o deputado “afecta negativamente ás mozas e mozos que se queiran incorporar a actividade agraria e que non teñen posibilidade de acceder a estas axudas”.
Engadiu que as aportacións económicas, que afectan a todo tipo de explotacións (agrícolas, gandeiras, apícolas ou mixtas), deberían ser “un respaldo ás explotacións máis importantes, as que dan vida ao rural e permiten que non morra”, afirmou para denunciar a continuación a redución experimentada no ano 2023 respecto ás do ano 2022, deixando ademais fóra do acceso ás mesmas a máis de 300 produtores. Indicou que no ano 2023 e sucesivos só se dedican o 2,6% dos fondos Feader dos que se dispón para o período, “moi lonxe do 10,9% da media do Estado español”, subliñou
É por iso que o BNG recolle nesta proposición non de lei, e que non foi apoiada polo PP, a grande preocupación dos produtores e produtoras en ecolóxico cara a nova solicitude da PAC na anualidade do 2025 e que está a piques de saír. “Unha preocupación destes homes e mulleres que apostaron por un tipo de produción agraria respectuosa co medio ambiente e que produce uns alimentos de grande calidade”, sinalou Fernández. Para recordar que as axudas de 2023 se pagaron con meses de atraso e de que as de 2024 aínda non se pagaron.
A maiores, indicou que, unha vez aprobadas, non se cubriu a totalidade do crédito existente debido á degresividade nas achegas, que impide aos gandeiros ter un nivel de axudas adecuado as súas explotacións. E é que o artigo 46 da orde de convocatoria sinala que estas axudas serán decrecentes en función da superficie ou colmeas admisibles. Isto significa que por exemplo, na liña de axudas das máis importantes como é a da gandeiría ecolóxica, ás primeiras 40 hectáreas correspóndelles o 100% do importe, e a partir desa cifra, a porcentaxe vai diminuíndo até quedar nun 5% no caso de superarse as 200 hectáreas.
Malia esta situación, continuou Fernández, “na convocatoria do ano 2024 non se abriu a posibilidade de novas solicitudes nin se ampliaron os compromisos das solicitudes existentes, polo que tampouco se cubre a totalidade de crédito existente e consignado no PEPAC 2023 – 2027, nin se eliminou esa degresividade que limita o cobro da totalidade da axuda ás explotacións, principalmente as gandeiras.
Asegurou non entender por que, se hai diñeiro, se continúe poñendo limitacións nin por que a Xunta actúa contra as mulleres e homes que están traballando e vivindo no rural. “Cal é o motivo deste brutal recorte das contías económicas camuflado coa degresividade?”, preguntou para acusar o Goberno de Rueda de “enchérselle a boca ao falar do apoio a estas persoas e a estas explotacións, mentres a realidade é ben distinta”.
Os datos en ecolóxico
O deputado nacionalista criticou que no ano 2022 a Xunta do PP deixase sen axudas ao ecolóxico a 320 produtores e produtoras. Botou man dos datos do Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza), para salientar que o valor da produción ecolóxica leva estancada en 113M€ desde o ano 2020 e, malia a que a superficie inscrita deu un salto en 2022, aínda está moi lonxe do 25% da Superficie Agraria Útil (SAU) que marca a UE para o 2030, situándose en Galiza entorno ao 7%.
Secundino Fernández preguntoulle ao PP “onde van os cartos” e “por que se incrementou en 2022 a superficie en ecolóxico, facendo que numerosos produtores e produtoras agrogandeiras se arriscasen a pasar as súas producións a ecolóxico”, agardando unhas axudas e un apoio da Xunta do PP a estas explotacións para chegar a ese 25% da SAU que marcaba a UE.
“Non rouben aos nosos produtores ecolóxicos, déanlles o que é seu”, rematou.