O BNG levou ao Parlamento galego a deficiente atención sanitaria que está a recibir a veciñanza de Soutomaior e instou á Xunta a solucionar de inmediato a situación coa dotación das e dos profesionais sanitarios que se precisan.
O deputado Manuel Lourenzo advertiu do desmantelamento sistemático da atención primaria no concello que, na actualidade, conta con dous médicos e outro de Asistencia Pública Domiciliaria (APD) para 7.500 habitantes, o que supón ratios de entre 1.600 e 1.800 pacientes por facultativo e, en consecuencia, ata tres semanas de espera para ter unha cita, segundo denuncian sistematicamente as veciñas e veciños.
“Por se isto non fose suficiente -recalcou- o centro médico de Arcade conta cun só médico, o consultorio de Ponte Sampaio recuperou a súa actividade logo das importantes mobilizacións sociais pero tamén cun só médico, mentres que o consultorio de Romariz segue pechado”. Logo de repasar as graves deficiencias na atención sanitaria no municipio, Lourenzo recriminou ao Executivo galego que “non só non aportou nin unha soa solución, senón que mesmo agravan o seu maltrato á veciñanza de Soutomaior”.
Neste sentido, acusou tanto ao Goberno galego como ao goberno local, tamén do PP, de “estar ríndose da veciñanza” e emprazou ao conselleiro de Sanidade a acometer con rigor a súa xestión no municipio. “Se vostede quere falar con seriedade da sanidade de Soutomaior falemos da construción dun novo centro de saúde que contemple as necesidades das e dos profesionais e da veciñanza e non dunha ampliación”, recriminou para a continuación instalo a rematar coas “cortinas de fume”. “O que a veciñanza de Soutomaior precisa son médicos e médicas”, resumiu.
Dada a situación, que cualificou de “pitorreo sistemático”, o deputado nacionalista considerou como única saída para as veciñas e os veciños continuar coas mobilizacións, que, segundo avanzou, seguirán contando co apoio do Bloque. Se o Sergas non achega solucións, “daremos a batalla alá onde sexa necesario ata que teñamos a atención sanitaria que nos pertence”, concluíu.