O BNG traslada a demanda da Confederación ANPAS GALEGAS sobre o carácter gratuíto de libros

Presenta mocións en todos os concellos para volver ao sistema de préstamo universal

LibrosO vindeiro curso 2014/2015, a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará o estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas. Isto, unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, provocará que unha parte do alumnado non poida seguir as clases con normalidade.

Non é un problema de prioridades das familias, como afirma o PP cando se protesta polos recortes nas axudas sociais á educación. É un problema de dereitos da cidadanía.

O carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos e todas aos estudos, e por iso a gratuidade debe facerse extensiva aos libros de texto e material didáctico. Cando máis urxente resulta incrementar estas axudas, dadas as necesidades das familias pola crise económica, os gobernos do PP diminúen significativamente as axudas. No caso dos libros de texto rebaixáronse as persoas beneficiarias de 3 a 2 millóns e as contías de 250 millóns a 166.

As mocións que presenta o BNG nos concellos, atendendo as demandas da Confederación ANPAS GALEGAS, pide das corporacións locais instar á Xunta de Galiza a que se acorde a volta ao sistema de préstamo universal, avanzar na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público e a que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar onde se vai implantar a Lomce.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG