O deputado do BNG, Néstor Rego, compareceu en conferencia de imprensa para avanzar a solicitude dunha Comisión de Investigación parlamentar sobre a actuación do MITMA en relación co colapso do viaduto da A-6, após se facer público que as empresas ás que encargou o informe sobre as causas do derrubamento traballan habitualmente coas empresas construtora. Para Rego, isto é “escandaloso” e pon en cuestión a credibilidade do citado informe -que xa era ambiguo e pouco concreto- e parece confirmar a pretensión do Goberno español de “protexer” FCC e ACS de posíbeis responsabilidades. Para o deputado nacionalista, resulta inaceptábel que os e as contribuíntes paguen a reconstrución do viaduto se a causa do colapso é atribuíbel ás construtoras.
Néstor Rego lembrou que o BNG denunciou desde o primeiro momento a opacidade do Ministerio sobre o colapso do viaduto do Castro e reclamou a máxima transparencia e información á cidadanía. Tamén que no momento de ser coñecido o informe criticou a falta de concreción sobre as causas últimas do derrubamento, que se atribúe a unha conxunción de factores como a “fatiga dos materiais”, un grao de “deterioro” dos elementos estruturais “maior do esperado”, a falta dun “mantemento adecuado” ou mesmo aos traballos de reparación. “En ningún caso se explicita cal é a orixe desa “fatiga” nin desa “corrosión” da estrutura metálica, se se debe a un proxecto inadecuado ou a unha má execución da obra”, sinala o deputado.
“É mais, nas conclusión nin sequera se inclúen elementos que aparecen no propio informe e que parecen relevantes”, sinala Rego. O deputado fai referencia a que das análises realizadas se tirase que “os valores obtidos do contido en cemento do formigón son atipicamente baixos” ou que “os valores de porosidade e absorción de auga obtidos son moi elevados”. O mesmo informe relaciona esta porosidade excesiva coa posibilidade de que teña facilitado o acceso “desde o ambiente exterior cara ao interior do formigón, tanto de axentes agresivos, principalmente cloruros do sal fundente como da humidade e do oxíxeno”.
Para Rego “é sorprendente que isto, que parece apuntar a un defecto de construción, non figure entre as conclusións do informe, que son absolutamente vagas”. Pola contra, parece concordar coa denuncia que xa for a feita nun informe publicado no ano 2003 na Revista de Obras Públicas asinado polos enxeñeiros de camiños Ángel González del Río e Ángel Martínez Cela en que se indicaba que “se levaron ao límite as posibilidades de fabricación, cun importante aforro de material”.
O deputado nacionalista salienta que con este informe “fraudulento” todo apunta a unha tentativa do MITMA de desviar a atención da posíbel responsabilidade de dúas empresas que teñen “moito poder económico e, infelizmente, tamén moito poder político”, feito que cualifica de “gravísimo” especialmente tendo en conta que o Goberno semella estar disposto a asumir con fondos públicos a reconstrución do viaduto. “É inaceptábel que, se a responsabilidade foi das construtoras, se destinen recursos de todos e todas as contribuíntes á reconstrución. Neste caso, serían as empresas as que terían que pagar e, ademais, a administración debería exixir compensacións e responsabilidades”, subliña Rego.
O deputado do BNG lembra que estas empresas xa se viron involucradas en casos de corrupción. En concreto, o antigo xerente do Partido Popular da Galiza, Modesto Fernández, sinálaas como doadoras do PP e na contabilidade deste entregada por Luís Bárcenas ao xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ACS aparece financiando o PP con 60.100 euros e FCC con 108.000 euros. Máis recentemente, Competencia sancionou varias empresas -entre elas FCC- por amañar licitacións de obra pública durante 25 anos.
Aliás, a relación de MC2 (do grupo TYPSA) e IDEAM con FCC e ACS é pública e notoria. MC2 participou con FCC en obras como a ponte sobre o Miño en Lugo, inaugurada en 2011, até a construción do Estadio Metropolitano de Madrid, o metro de Riad (unha obra de máis de 16.000 millóns de euros) ou a ampliación do Santiago Bernabeu. Con ACS, na Ponte de Rande. Pola súa parte IDEAM sinala na súa web como clientes tanto a FCC como ACS e participou en obras como os viadutos sobre os ríos Navia e Nervión.
Perante todas estas circunstancias “claramente irregulares”, o BNG ten solicitado a comparecencia da Ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez, para que dea explicacións, reclama un informe independente e rigoroso e avanza a solicitude dunha Comisión de Investigación no Congreso. “Evidentemente, a función desa comisión terá de ir orientada a estudar todas as responsabilidades políticas neste caso, desde a licitación, seguimento e recepción das obras até o derrubamento e a actuación do MITMA en relación con el. Aí é relevante o feito de que se pretenda pasar páxina cun informe fraudulento, claramente de parte. O Goberno terá que explicar por que quere eximir de responsabilidade as empresas construtoras”, sinala Rego.