A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta tarde a comparecencia do Ministro de Interior pola brutal e desmesurada actuación policial contra mariñeiros do cerco, preferentistas, cidadáns en xeral, e alcaldes e parlamentares, diante do Parlamento galego esta tarde.
Rosana Pérez censura a actuación dos efectivos policiais que seguen o mesmo rueiro de violencia, agresividade, represión e utilización do tan traído material disuasorio en concentracións e manifestación como as producidas hoxe diante da Cámara galega por cuestións distintas como as cotas para o sector do cerco, as participacións preferentes ou as taxas do Sogama.
A deputada do BNG considera que xa está ben de que o Ministro eluda responsabilidades porque non hai semán na que non se produzan feitos lamentábeis por parte das forzas e corpos de seguridade do estado. E iso é responsabilidade do xefe máximo de Interior, o Señor Jorge Fernández Díaz.
Para Rosana Pérez o grao de represión policial é propio doutros tempos pretéritos que quixeramos esquecer pero que vemos que voltan. Non é de recibo que a policía actúe como se fixo hoxe no entorno do Parlamento galego con cidadáns e colectivos de afectados que teñen dereito a expresar o seu malestar por moito que non goste ao Goberno de turno.