O BNG solicita a comparecencia de Almuíña tras a morte de dúas persoas nas urxencias do CHUS

Ana Pontón
Ana Pontón

Demanda 200 millóns de euros para atención primaria e a contratación de 6.000 vacantes no SERGAS. Advirte dunha nova discriminación nos orzamentos do Estado

Pontón: “Feixóo ten a cabeza na próxima convección do PP pero non nos problemas dos galegos e das galegas, como a sanidade ou ALCOA”

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG xunto co resto dos grupos da oposición solicitaran a comparecencia urxente no próximo pleno do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e da xerente do CHUS, Eloina Núñez, tras coñecerse na comisión alternativa que a Fiscalía investiga a morte de dúas persoas o 2 de xaneiro nos servizos de urxencias do centro hospitalario de Santiago, colapsado por falta de persoal.

“Que máis ten quen pasar para que Feixóo rectifique e atenda as reclamacións de profesionais e persoas usuarias?”, interpelou Pontón, “porque non é normal que morran doentes nos servizos de urxencias pola falta de persoal necesario, a situación é insostible”.

A dirixente do Bloque denuncia que o deterioro da sanidade pública “pon en perigo a vida da persoas” e sinala ao presidente da Xunta como máximo responsable “tras unha década de recortes colocando a saúde como negocio para uns poucos”. Pontón pide unha rectificación inmediata que debe ter un primeiro xesto no cese do conselleiro de sanidade: “Sería un síntoma de que se toma en serio á sanidade”.

Esa rectificación debe incluír máis recursos económicos e humanos, con tres medidas concretas.

Unha inxección de 200 M€ para a Atención Primaria, -que permita ter equipas completos e suficientes nos centros de saúde e nos PACs-, a cobertura das 6.000 prazas vacantes no SERGAS, - “non vale un contrato dun ano porque perpetúa a eventualidade”, explicou Pontón-, e un plan de choque contras as listas de espera. “As axendas para pedir cita están pechadas e as cifras da Xunta non teñen ningunha credibilidade”, indicou a líder do Bloque.

Fronte ao deterioro do sistema público de saúde medra a resposta social cunha mobilización constante e contundente con milleiros de persoas manifestándose nas rúas, cos PACs en pé de guerra en plena folga indefinida, os servizos de urxencia do CHUS que arrancan a décima xornada de folga, a dimisión masiva de xefes de servizos de atención primaria, o conflito no 061 ou no transporte sanitario urxente.

Ante esta situación nun servizo básico, a portavoz nacional critica a ausencia de Feixóo máis preocupado do vindeiro conclave político do PP que dos problemas dos galegos e das galegas. “Onde ten que ter a cabeza non é na convención do PP da vindeira semana para ver como se dereitiza o seu partido, senón nos problemas deste país porque para iso lle pagamos un bo salario cada mes”, salientou Pontón.

Testaferros de ALCOA

Unha ausencia do xefe do Executivo que tamén se aplica no caso de ALCOA, asunto “no que está desaparecido” a menos de 24 horas de concluír o prazo do ERE extintivo que afecta a 390 empregos na Coruña nun sector estratéxico para o país como é a produción de aluminio.

 “A Xunta e o Ministerio de Industria está a facer de testaferros de ALCOA cando deberían poñerse do lado dos traballadores e das traballadoras e liderar unha intervención que permita o control da fábrica e buscar un novo comprador que lle dea continuidade a actividade e ao emprego”, indicou Pontón, quen considera un despropósito que nun país rico en electricidade estean centos de emprego en risco polos custes enerxéticos.

Discriminación orzamentaria

Preguntada polos orzamentos do Estado para 2019, Pontón espera a coñecer as cifras que afectan a Galiza, pero advirte que a información previa indica que Galiza volve estar “desaparecida” nas contas. O Executivo de Pedro Sánchez “xa ten demostrado ser un goberno continuador da discriminación a este país que practicou o goberno de Mariano Raxoi”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG