O BNG esixiu hoxe na Cámara que o Goberno do PP lle demande ao Estado o cumprimento do acordo unánime do Parlamento de Galiza para a rebaixa do IVE de peixes e mariscos. Ademais, demanda que esta rebaixa sexa do 0% e tamén a reestruturación das axudas directas para o combustíbel pesqueiro para que ningunha embarcación quede fóra dos impulsos.
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, criticou a orientación das axudas do Estado recollidas no Real Decreto-Lei 6/2022, uns apoios que exclúen a parte da frota galega e que prexudican á frota artesanal, a máis numerosa en Galiza, xa que o novo criterio do ministerio son só os metros de eslora, o que producirá agravios importantes entre embarcacións do mesmo censo e caladoiro.
Pérez Puxo como exemplo o caso dun barco que se dedique ao marisqueo cunha subvención de 1.100 euros que, polas características do seu traballo, emprega unha cantidade mínima de combustible, característica que tamén afecta ás embarcacións percebeiras, que faenan menos horas. “Pola contra, dúas embarcacións de 4 homes cada unha, que andan ás nasas ou aos miños na mesma zona de traballo, é dicir, coa mesma arte de pesca os dous a unha que teña 9,20 metros de eslora vanlle dar unha axuda de 1.100 euros e a outra que teña 12 metros percibirá 6.621 euros, que é un 600% máis que a outro”, o que evidencia uns criterios de axudas desentendidos da realidade do sector pesqueiro galego.
Neste sentido, das axudas do ministerio, advertiu a portavoz de Pesca, quedarán excluídas aquelas embarcacións que non estean ao corrente no pago á Seguridade Social ou a Facenda, que son un número elevado, xa que a actual situación de crise non permitiu que todas puideran facelo.
“É inexplicábel que o Real Decreto-Lei tampouco contemple a un sector fundamental en Galiza como é o do mexillón e non recolla ningún tipo de axuda para os barcos da cuarta lista cando en Galiza hai centos de barcos auxiliares de pesca e, sobre todo, de explotación de acuicultura, como as bateas de mexillón”, denunciou a parlamentaria do BNG, que emprazou á Xunta a trasladar tanto a demanda da rebaixa do IVE a peixes e mariscos ao 0% como a reestruturación das axudas directas para o combustíbel pesqueiro, evitando así que ningunha embarcación quede fóra. O BNG tamén conseguiu o compromiso do Parlamento para trasladar á Xunta que convoque as axudas temporais, directas e urxentes ao sector pesqueiro que minimicen as consecuencias derivadas da crise actual e que xa foran aprobadas por unanimidade no mes de abril do 2022. Propostas asumidas pola maioría absoluta dos Populares.