A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, afirma que os galegos e galegas non “merecemos” un “goberno ausente, descabezado e sen propostas” nun contexto de crise económica e coa inflación situada no 10,5%, a “maior dos últimos 35 anos”.
A deputada reclama a posta en marcha de medidas urxentes para paliar as consecuencias económicas nas familias e empresas polo incremento dos prezos. Neste sentido, demanda incrementar a RISGA e o complemento autonómico non contributivo “conxelado hai máis de 10 anos” porque hoxe as familias, teñen que decidir entre “encher a neveira ou pagar as facturas”.
Neste sentido, lembrou que en Galiza temos “uns dos salarios e das pensións máis baixas do conxunto do Estado e, aínda así, padecemos unha inflación sete veces máis elevada que a media do Estado”.
Mentres todo isto acontece, mentres cada vez máis galegas e galegos empobrecen, temos “un Goberno da Xunta absolutamente paralizado, coa cabeza posta nos líos internos do PP para suceder a Feixóo e non en buscar solucións aos problemas que padecen milleiros de persoas neste País”.
Un goberno “descabezado, ausente e sen propostas”
As galegas e galegos, explica a deputada, non merecen, non merecemos, en ningún momento, pero moito menos nun contexto económico, no medio dunha crise coma esta, ter “un Goberno ausente, descabezado, sen impulso e sen propostas”.
Porque a Xunta non tomou, en todo este tempo, nin unha soa medida de calado para aliviar minimamente ás familias e ás pequenas e medianas empresas que están coa auga ao pescozo.
“Galiza necesita un Goberno que goberne, que se poña á fronte e que tome medidas urxentes e audaces diante desta escalada tan brutal de prezos que empobrece á xente deste País”.
Desde o BNG insistimos en que é necesario que o Goberno galego se poña as pilas, que tome medidas inmediatas dentro das súas competencias porque as ten e que tome medidas que alivien de maneira urxente e inmediata a situación das familias, da poboación máis vulnerable deste País e temos dúas propostas:
En primeiro lugar, a Xunta pode e debe subir as prestacións como a Risga, porque neste País “hai xente hoxe que sobrevive con menos de 500 euros ao mes”.
E en segundo lugar, urxe incrementar o complemento autonómico das pensións non contributivas que o PP conxelou hai máis de 10 anos.