O BNG remite os balances dos centros de Navantia a Feijóo e ínstao a exercer de Presidente

Carme Adán cualifica de “espectáculo lamentábel” a viaxe a Madrid dos alcaldes do PP galego e cargos do Goberno de Galiza para pedir carga de traballo

Balance NavantiaA portavoz de Industria do BNG, Carme Adán cualificou hoxe, ante os medios de comunicación en sede parlamentar de “lamentábel espectáculo” o ofrecido polos alcaldes do PP galegos e cargos do Goberno galego desprazados en Madrid para reclamar carga de traballo.

Adán anunciou que o BNG, hoxe mesmo, remitiu ao Presidente da Xunta os balances dos diferentes centros de Navantia para evidenciar que se “os estaleiros galegos non funcionan é porque o Presidente da Xunta non exerce como tal”.

A deputada recriminou a “postura pusilánime” de Feijóo ante o Presidente do Goberno central do que dixo, “aínda non vimos ningún aceno do mandatario galego ante Rajoy para resolver a dramática situación do Sector naval galego”.

A parlamentaria explicou que Navantia reduciu a súa masa salarial nun 5,8% nos últimos 5 anos, mentres en Madrid aumentou a plantilla dos servizos administrativos un 25 por cento e “Navantia conta con 63 millóns ao seu favor fronte os 300 de Cartaxena en negativo”.

Neste sentido criticou que a pesar dos datos, o Consello de Ministros ofertara 700 millóns de euros para o submarino Cartaxena e “cero euros para o dique flotante galego”, é unha “vergoña” o espectáculo que está a dar no Partido popular, reiterou.

O BNG insta ao Presidente da Xunta a resolver co Presidente do Goberno central a falta de cargo de traballo no naval galego e deixe de utilizar “a cortina de fume” do veto de Europa para a construción do dique flotante en Ferrol porque, explicou, “ na cidade de Brest foi construído un dique flotante para reparacións navais utilizando fondos públicos” e Feijóo tamén pode introducir nos orzamentos unha partida para o dique galego, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG