O BNG relanzará “unha axenda galega” en materia de transferencias, infraestruturas, enerxía, financiamento e memoria histórica

Luís Bará culpa a PP, PSOE e Podemos da parálise na política do Estado que prexudica a Galiza  e cualifica de “choromiqueira” a reclamación do pago de 700 M€ do presidente Feixóo

O deputado do BNG, Luís Bará anunciou que, ante o comezo dun novo curso político, o BNG relanzará “unha axenda galega” centrada nun novo financiamento, transferencias de infraestruturas, investimentos e demandas en materia de memoria histórica.

Para o deputado do BNG, “Galiza está ausente” no panorama político estatal e dos partidos e sucursais galegas do “PP,PSOE e Podemos”. Esta situación fai necesario que Galiza teña unha voz propia e sen ataduras que a defenda en Madrid como fixo o BNG durante moitos anos.

Bará denunciou a postura “choromiqueira e pusilánime da Xunta e de Feixóo” ante o goberno central coa reclamación  de 700M€, mentres que durante o  goberno do Partido popular, “Feixóo puña a outra meixela” e non reclamaba nin un financiamento xusto nin os investimentos que precisaba Galiza. O BNG, afirmou, pídelle ao PP e PSOE que lle planten cara ao goberno do estado ante o desprezo continuado ao noso país  e “deixen de intercambiar os papeis” con fines electoralistas.

 AXENDA GALEGA

O deputado avanzou a “axenda galega” que defenderá o BNG no novo curso político ante o goberno central  na que priorizará: un novo sistema de  financiamento máis xusto para Galiza, investimentos e infraestruturas ante o “apagón inversor”, polo que Galiza debe ser compensada  con 2.500 M€, unha tarifa eléctrica galega e unha tarifa á industria electrointesiva, as transferencias pendentes como foi acordado no Parlamento galego, a anulación da prorroga de ENCE e as demandas en materia de memoria histórica coa devolución de todos os bens roubados pola familia Franco. O parlamentario sumou a estas reivindicacións, a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral.

PAGO DE PEAXES  EN AUTOVÍAS

Sobre este extremo manifestou a “rotunda oposición” do BNG”  á intención do Goberno do Estado de establecer pagos nas autovías. Segundo Bará, o anunciou responde á necesidade de tapar “o burato” producido pola gratuidade das autoestradas liberalizadas e o rescate das “ruinosas radiais madrileñas”. O BNG non aceptará esta “chantaxe” que coincide ademais coa  “estafa” do macronegocio da autoestrada AP-9. Os galegos e galegas, recalcou, xa levamos pagado cos nosos impostos estes buratos. A AP-9, “esa caixa rexistradora”, explicou o nacionalista, leva recadados 3.000 M€ dos que 1.000 foron beneficios para a concesionaria e segundo o Ministerio de Fomento hai unha previsión de recadar entre os anos 2019 a 2040, 14.556 millóns de euros dos que 5.000 millóns serán tamén  beneficios para a empresa concesionaria.

O BNG, anunciou Bará, rexistrará iniciativas contra a proposta de novas peaxes nas autovías de competencia estatal e exixiremos “a transferencia da AP-9” paralizada pola situación da actual política estatal.

GALIZA AUSENTE NO PANORAMA POLÍTICO ESTATAL

En comparecencia ante os medios de comunicación, Bará manifestou a indignación ante o “bloqueo e parálise” da política española e culpabilizou de “grave irresponsabilidade” a todos os partidos desta situación que está a prexudicar a Galiza. Para o deputado, os partidos estatais están convertendo a política “nun taboleiro de xogo” con intereses electoralistas.

O parlamentario do BNG lamentou algunhas declaracións realizadas por destacados membros de partidos políticos do estado sobre o “drama humano” das persoas refuxiadas. O BNG, dixo, quere manifestar o seu rexeitamento a todo ese tipo de pronunciamentos de dirixentes políticos de dereitas de España e do resto de Europa. “Isto non é unha partida de mus” e o presidente do Goberno en funcións, non está á altura e mesmo parecede que fai seguidismo do “fascismo europeo personificado por  Salvini”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG