Parlamento Galego

BNG reclamará á Xunta no próximo pleno que garanta o dereito a unha vellez digna dadas as listas de espera en dependencia e a privatización de servizos como as residencias

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil denuncia que hai máis de 2.700 persoas agardando no proceso de dependencia e esperas de até dous anos por unha praza residencial

O Bloque instará ao PP a rectificar as súas imposicións para que a comisión de investigación poida facer o seu labor sen vetos nin atrancos

O BNG centrará o próximo pleno parlamentario no dereito a unha vellez digna ante as listas de espera en materia de dependencia e da privatización de servizos públicos esenciais como as residencias por parte do Goberno do PP.

Así o avanzou logo da Xunta de Portavoces a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, quen denunciou que en Galiza hai, a día de hoxe, máis de 2.700 persoas agardando no proceso de dependencia, xa sexa pola valoración de grao, pola resolución do Programa Individualizado de Atención (PIA) ou polo acceso a unha prestación á que teñen dereito recoñecido.

“Concretamente, hai 1.439 persoas que tendo todo o proceso de tramitación feito non acceden ao servizo que teñen recoñecido por lei porque hai, por exemplo, unha lista de espera para acceder a unha praza de residencia en Galiza de máis de dous anos”, afondou Rodil, quen advertiu que só dúas de cada dez prazas residenciais son públicas de xestión directa.

Así pois, e ademais da pregunta na sesión de control da portavoz nacional, Ana Pontón, ao presidente da Xunta polas medidas que vai impulsar o Executivo para garantir os dereitos das persoas maiores, o BNG porá o foco neste pleno no modelo residencial do PP, un modelo que se comprometera a reformular despois da pandemia, pero que segue exactamente igual.

“Ese modelo de residencias novo que ninguén ve por ningún lado porque a normativa, a lexislación que regula o sector, segue sendo a mesma, unha orde de 1996 cunhas ratios de atención directa que non chegan”, criticou.

A viceportavoz parlamentaria exemplificou a ausencia dun modelo de coidados digno nas residencias de recente construción, como a que construíu en Lugo a Fundación Amancio Ortega, a de San Antonio de Padua, que ten 85 persoas usuarias, 60 delas dependentes, e tan só seis xerocultoras na quenda de mañá e dúas na quenda de noite.

Unha residencia construída pola Fundación Amancio Ortega e privatizada polo Partido Popular, incidiu, para poñela en mans dunha entidade que nin sequera se dedica ao sector dos coidados, a Fundación Fesán, dedicada á análise estatístico de datos. “Ese é o modelo de coidados e de dereitos de vellez digna do Partido Popular, privatizar e precarizar”, sintetizou.

Sobre esta cuestión, o BNG tamén preguntará á Xunta se ten pensado facer algo ante o caso concreto da única residencia de maiores que hai en Cambados, un antigo asilo xestionado por unha entidade relixiosa que anunciou que vai pechar, advertiu, “deixando tirados a 53 persoas usuarias e 29 traballadoras”.  

Por outra banda, a formación nacionalista presentará unha proposición non de lei para instar ao Parlamento a que faga rectificar ao PP ante a comisión de investigación sobre a contratación pública e na que, afirmou, “está actuando como unha absoluta apisonadora dos dereitos das deputadas e deputados, especialmente dos do BNG, que creou a comisión”.

“O único que está facendo é impedir o exercicio dos nosos dereitos como deputadas e deputados e que a comisión poida desenvolver o obxecto para o que foi creada”, denunciou, para recalcar a continuación que o único que hai “é un plan de traballo imposto unilateralmente polo Partido Popular”, unha documentación que, o día que empezaron as comparecencias, “nin sequera estaba completa e entregada aos deputados e deputadas” e o veto do PP á comparecencia “de persoas da máxima responsabilidade” sobre o obxecto da investigación, como é o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.  

Rodil denunciou as manobras absolutistas do PP na comisión cun exemplo moi claro, a habilitación unilateral de cinco luns de aquí ao 30 de decembro para o desenvolvemento dos traballos. “Aínda non fora nin á mesa do Parlamento para pedir esa habilitación excepcional dos luns e xa nos deran ás 10 h da mañá unha proposta de tres comparecencias para o próximo luns”, denunciou.

Por último, a viceportavoz nacionalista avanzou que o Bloque tamén defenderá noutra proposición non de lei a transferencia das competencias en materia meteorolóxica, máis tendo en conta que Galiza é, se non das poucas, a única comunidade que non ten transferidas unhas competencias que cualificou de “indispensables” para enfrontar a emerxencia climática. “Agardamos que, despois de vetar esta proposta en 2014 e 2021, o Partido Popular cambie a súa posición e apoie esta demanda do BNG”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG